O Concello analizará "o que necesita a cidade" para elixir os cursos de formación do plan de emprego
Por Alejandro Espiño
Itinerarios formativos que estean homologados pola Xunta. É o criterio fundamental que deberán ter os cursos que formarán parte do plan de emprego municipal de Pontevedra. Se non é así, segundo Anabel Gulías, non servirán "absolutamente para nada".
O goberno municipal está a ultimar que cursos de formación impartiranse en Pontevedra. O primeiro paso foi escoller o Pazo da Cultura como sede desta oferta formativa, ao entender que é o espazo "máis acaído" para acollelos.
A edil de Promoción económica sinala que o Pazo xa conta con aulas e seminarios adaptados ás necesidades destes cursos. Ademais, poderase utilizar a cociña do Recinto Feiral, entre outros equipamentos, ou o resto de salas e espazos culturais do complexo.
En todo caso, Anabel Gulías reiterou que o Concello impartirá cursos de formación cos que, á súa finalización, os participantes reciban o correspondente certificado de profesionalidade.
Para iso, o goberno municipal xa contactou coa Xunta de Galicia, á que lle corresponde homologar a formación, para avanzar na confección da programación. Estes cursos terán que cumprir todos os requisitos que marca a administración, en canto a número de asistentes, materiais, espazos ou bolsas, entre outras cuestións.
O Concello, engadiu Gulías, pretende tamén acordar o tipo de cursos que se van a realizar. "Temos que ver que demanda a empresa privada na nosa cidade", explicou, de forma que os participantes nesta formación poidan cubrir estas necesidades e ampliar as súas opcións de incorporarse ao mercado laboral.
Así, Gulías adiantou que manterá diferentes reunións sectoriais e encontros con grupos de negocios, as empresas que forman parte do programa Pontevedra ten un puntazo ou compañías coas que o Concello traballa de forma habitual "para ver que necesita a nosa cidade" e solicitar cursos que encaixen na demanda que existe actualmente.
"Ese é o enfoque que lle queremos dar", segundo Gulías, a uns cursos de formación que integrarán un plan de emprego municipal que, para 2018, estará dotado cunha partida económica duns 700.000 euros.
Relacionadas:
-
Pontevedra convoca os oito primeiros cursos do seu plan de formación
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello avanza na tramitación para homologar o Pazo da Cultura como centro de formación
Por Redacción |
-
Marea confirma que se absterá no pleno de orzamentos
Por Redacción |
-
O orzamento municipal de 2018 péchase en 75 millóns
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón incluír no orzamento de 2018 un plan de emprego xuvenil
Por Alejandro Espiño |