CSIF mobilízase ante a Subdelegación do Goberno para reclamar a subida salarial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), sindicato máis representativo nas administracións públicas, concentrouse este mércores ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar ao Executivo que preside Mariano Rajoy unha mellora notable nos seus salarios e condicións laborais.
As mobilizacións coinciden co inicio da negociación co Ministerio de Facenda, que continuarán o vindeiro luns.
O presidente do CSIF, Eduardo Rejo, sinalou que os Orzamentos Xerais do Estado deben incluír un amplo paquete de medidas que dean carpetazo aos anos de recortes pola crise económica.
Así, demandan a recuperación do poder adquisitivo perdido desde 2010, en torno ao 20 por cento e a inclusión dos empregados públicos da Administración Xeral do Estado no proceso de equiparación salarial iniciado con Policía e Garda Civil, respecto das comunidades autónomas.
Ademais o CSIF reclama a aprobación dunha oferta pública de emprego, que permita avanzar na recuperación dos postos de traballo destruídos durante a crise, cunha taxa de reposición superior ao 100 por cen para a Administración Xeral do Estado (desde 2010 perdéronse 163.000 empregos no conxunto das administracións).
Finalmente piden que se derrogue o decreto que impide negociar a xornada de 35 horas e eliminar os descontos na nómina por incapacidade temporal.