Lores aposta no Foro Empresa por "industrias compatibles" coa calidade urbana da cidade
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expuxo este xoves a sua visión do mundo empresarial no Foro Empresa Pontevedra, un almorzo-coloquio que compartiu no Parador de Turismo con 40 portavoces de organizacións empresariais como a Cámara de Comercio, Aempe, ou AJE, así coma representantes e directivos do mundo da empresa e da banca, interesados en coñecer de primeira man o futuro pensado polo Goberno local para a Boa Vila.
O alcalde defendeu que os pasos dados para facer de Pontevedra o que é, son "froito dun deseño pensado, non da improvisación, no que houbo un alto grado de participación".
Lores insistiu no seu coñecido discurso de como Pontevedra era "un referente internacional de calidade urbana" e subliñou a súa "confianza nos pontevedreses, amor e orgullo do noso e confianza no futuro da cidade" que son son "piares" que guian a transformación urbana da cidade e o seu dinamismo.
Un aposta en definitiva "por unha cidade de alta calidade urbana, centrada nos servizos e con industrias compatibles" resumiu o alcalde que após do almorzo respondeu as preguntas dos comensais, que amosaron interese por pulsar a opinión do alcalde Lores respecto á peaxe da AP-9; o papel que deberían xogar as entidades financeiras respecto as empresas e comercio local; que modelo económico quere para Pontevedra e Ence.
O alcalde tendeu a man aos presentes "para traballar todos por Pontevedra".
Foro Empresa Pontevedra é un foro de debate que ten como obxectivo propiciar un entorno favorable para as empresas, dinamizar a actividade económica e posicionar a Pontevedra e a súa comarca.