Duro enfrontamento entre o alcalde Lores e o director de Ence
Por Oskar Viéitez
O duro discurso do alcalde de Pontevedra no Foro Empresa de Pontevedra provocou o enfado da compañía pasteira que nun comunicado di que Miguel Anxo Fernández Lores "volve falsear a realidade e desinforma" a empresarios e cidadáns de Pontevedra e a súa comarca "difundindo datos falsos" sobre a fábrica de Ence en Lourizán.
Ante unha nutrida representación de empresarios, entre os que estaba o director territorial de Ence, Antonio Casal, o alcalde expuxo o seu modelo de cidade "no que debe quedar excluída a industria pesada" reiterando o seu coñecido rexeitamento á "inasumible" permanencia do "esperpento" da fábrica de Ence na ría "unha localización única no mundo".
Lores sostivo que "non hai ningunha relación directa entre industria pesada nin da industria en xeral coa riqueza de ningunha cidade", e citou a "política forestal de devastación no sur da provincia e o norte de Portugal" que, ao seu xuízo, está asociada á pasteira. Mesmo falou de "agravio comparativo" respecto ao trato que ten Celulosas por parte dos gobernos autonómico e central en comparación co resto de empresas xa que lle "regalaron os terreos e rebaixóuselles o canon da auga un 95 por cento", afirmou indignado.
Ademais o alcalde lembrou que o Concello paga dous millóns e medio de euros polos seis millóns de metros cúbicos de auga que usan os cidadáns e empresas, pero o "espantallo" de Ence gasta na actualidade once millóns e medio de metros cúbicos, o dobre de todo o abastecemento da ría de Pontevedra, "que se lle condonan". E engadiu que "mentres Ence non salga de aí Mariano Rajoy seguirá sendo persoa non grata".
Fernández Lores: "Mentres Ence non salga de aí Mariano Rajoy seguirá sendo persoa non grata"
No marco deste Foro Empresa o director territorial de Ence, Antonio Casal, respondeu "o feito de que esteamos aquí non é gratuíto" e cuantificou o custo en "preto de dous millóns de euros ao ano e un millón máis polo consumo de auga", asegurou.
Xa este venres Ence puntualiza que anualmente paga 3,4 millóns de euros en concepto de canon pola concesión dos terreos, uso da auga e taxas e tributos varios á cidade.
Engade no seu comunicado a compañía pasteira que xunto a outras "inaceptables acusacións" sobre o marisqueo na ría ou por unha presunta "política forestal devastadora", o alcalde "evidentemente obviou os preto 25 millóns de euros en compras que anualmente realiza Ence a empresas locais, ou os 3 millóns en axudas sociais que a compañía achega, ano a ano, aos cidadáns de Pontevedra e a súa comarca".
Antonio Casal: "O feito de que esteamos aquí non é gratuíto"
Ence quere, así mesmo, lembrar que "centos de empresas e máis de 800 postos de traballo sostéñense de forma indefinida en Pontevedra e a súa comarca, e os 5.200 en Galicia grazas á actividade da súa fábrica".
Por último, Ence quere destacar que entre a súa fábrica e a ría de Pontevedra "discorre hoxe unha autoestrada de catro carrís, polo que a desaparición da fábrica só beneficiaría a especuladores inmobiliarios. O seu terreo nunca sería praia ou zona de marisqueo: non hai praias cunha autoestrada entre a area e a auga".