Stock Pontevedra, unha cita coas rebaixas para tirar a casa pola xanela
A cita de cada inverno coas gangas volveu ao recinto feiral. Desde este venres e ata as 21.00 horas do domingo todos os cidadáns interesados en adquirir produtos con descontos teñen unha visita obrigada á feira Stock Pontevedra, que organiza o Centro Comercial Urbano Zona Monumental coa colaboración do Concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.
A feira tivo, como xa vén sendo habitual, un éxito de convocatoria xa en canto a comercios interesados en ocupar un dos stands dispoñibles. Hai un total de 63 e a demanda fora tal que moitos quedaron en lista de espera por falta de espazo.
Un exemplo deste tirón que ten a cita é o establecemento Fabriarte, cuxo responsalbe, Sergio, explica que se desprazaron desde Madrid para poder participar nesta cita. Trátase dun negocio de venda de cadros, chapas e decoración que tivo coñecemento da existencia de Stock Pontevedra e boas referencias de participantes de anos anteriores, de modo que se animaron a participar. Ofrecen os seus produtos con descontos do 40% sobre o prezo de venda habitual na súa tenda madrileña.
A participación en Stock Pontevedra adoita reportar bos resultados para os clientes, pero tamén para os comerciantes, por iso é polo que algúns como Mario Acevedo sexan fieis á súa cita anual. O seu negocio de teinda de mobles de alta decoración e antigüidades participou en 14 das 15 edicións de Stock e, ano tras ano, pechan cun balance positivo. Nesta ocasión, ofrecen descontos especiais de entre o 50 e o 60%, de modo que o cliente poden adquirir un "bo produto" como mobles de hai 50 anos en bo estado a prezos de saldo.
Para descontos, os que este ano se ofrecen na maioría dos comercios do sector téxtil. Roupa de muller, home, infantil ou íntima con rebaixas maiores ás que se venden nos comercios, pois a finalidade de Stock é, cada ano, que os comerciantes poidan liquidar os seus stocks de tempada. Este é o caso da tenda Chamonix, na que este ano, segundo unha das súas empregadas, "a xefa tirou a casa pola ventá" e vende, por exemplo, un abrigo de marca de 230 euros por 30.
A feira permanecerá aberta venres, sábado e domingo en horario continuado de 11.00 a 21.00 horas e inaugurouse oficialmente este venres cun percorrido polo recinto do presidente de CCU, Miguel Lago; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; e o deputado provincial de Promoción Económica, Javier Deus, que animaron aos pontevedreses para acudir de forma masiva á cita.
Anabel Gulías destacou a colaboración entre todas as administracións para facer posible o evento, pois "cando se traballa na mesma dirección, os efectos son postivos" e defendeu a importancia de que nesta feira participen comercios de proximidade, pois defender estes negocios locais é clave para a economía pontevedresa. Apostar por eles é unha filosofía de vida con moita acollida en Pontevedra.
"Quero animar á xente a que veña e a que merque", destacou, unha petición na que coincidiron Sol Vázquez, Javier Dios e Miguel Lago. Este último lembrou que os clientes terán un servizo de gardería gratuíto e cafetería e que o prezo de entrada é de 1,5 euros.
Relacionadas:
-
Stock Pontevedra abrirá febreiro con grandes descontos e produtos de oportunidade
Por Redacción |
-
Alta asistencia á feira de oportunidades Stock Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra ten esta fin de semana unha nova cita cos descontos
Por Redacción |
-
A Zona Monumental prepara unha nova edición de Stock Pontevedra
Por Redacción |