As bicicletas 'invaden' a Praza da Ferrería para participar na Mostra da Bici
Por Alejandro Espiño
Bicicletas para maiores, bicicletas para nenos, modelos máis modernos ou máis antigos Todo tipo de bicicletas 'invadiron' este sábado a Praza da Ferrería para participar na Mostra da Bici, unha das actividades máis agardadas da Biciweek, o evento organizado polo Concello de Pontevedra para fomentar o uso da bicicleta como modo de transporte alternativo. E como se prevía foi todo un éxito.
Comercios e casas comerciais radicadas en Pontevedra xuntáronse para ofrecer bicicletas, repostos ou complementos tanto novos coma de segunda man. Ademais, a xornada contou tamén con numerosas actividades para pequenos como unha gimkana ou obradoiros de mantemento de bicicletas. Todo para destacar, segundo o alcalde, Miguel Fernández Lores, "exemplos positivos do uso da bicicleta".
Porque ese é o obxectivo da Biciweek. Di Fernández Lores que o goberno local busca "convencer a moitos pontevedreses" para que usen a bicicleta como medio de desprazamento nunha cidade "perfectamente adaptada" para as necesidades desta forma saudable de transporte. "Queremos que non só a xente do centro, senón as das parroquias veñan a Pontevedra en bicicleta, que toda a cidade sexa un auténtico carril bici".
E que, en definitiva, tomemos exemplo da persoa recoñecida este ano co Premio Mobilidade Ciclista 2013, Ramón Bertolo, unha persoa con discapacidade visual, que utiliza a bicicleta para acudir a diario ao seu traballo no posto de venda do cupón da rúa Michelena.
Pero o verdadeiro acto central da Biciweek será a pedalada popular que se celebrará este domingo, un encontro ciclista de carácter familiar que busca fomentar o uso da bicicleta na cidade. A partir das 10.30 horas será a concentración dos participantes na Praza da Peregrina e sairá media hora despois para percorrer as principais rúas da cidade e chegar ata a Illa do Cobo. A organización confía en superar os 700 participantes da pasada edición.
O itinerario será o seguinte:
Praza Peregrina Daniel de la Sota Castelao Sagasta Joaquín Costa Blanco Porto Benito Corbal Cobián Roffignac Ponte de Santiago . Rafael Areses Illa das Esculturas Rafael Areses Avenida de Compostela Juan Manuel Pintos Avenida Domingo Fontán Ponte das Correntes Avenida do Uruguai Galera Arzobispo Malvar Praza de España Michelena e remate na Praza da Peregrina.
A duración da proba será aproximadamente dunha hora e a Policía Local, que estableceu un amplo dispositivo de tráfico, solicita a colaboración dos condutores para que traten de evitar a circulación polo itinerario, especialmente pola zona norte da cidade, durante a celebración desta pedalada popular.