Unha xestora dirixirá o PP de Ponte Caldelas ata as próximas municipais
Por Redacción
A dirección do Partido Popular decidiu que unha xestora, que estará encabezada por Francisco Regueira, sexa a que guíe o partido en Ponte Caldelas ata a celebración das eleccións municipais de 2019.
O seu principal obxectivo será buscar un candidato que represente o tecido económico, social e cultural do municipio para recuperar a alcaldía.
Ademais do ex tenente de alcalde, Francisco Regueira, como presidente, a xestora estará formada polos integrantes do grupo municipal popular. Ricardo Manuel Castro Martínez desenvolverá as funcións de secretario e os vogais serán Inés Sánchez, Jesús Rosón, Martina Freire, Javier Sánchez e Elsa Ares.
A nova xestora terá como tarefa inmediata manter contacto cos distintos colectivos e entidades sociais co fin de consensuar co sentir da cidadanía o nome do candidato que pode concitar o maior número de apoios posibles para conformar unha lista encargada de presentar unha alternativa "real e con garantías" para recuperar a alcaldía para o Partido Popular.
Estas xuntanzas, que comezarán polos afiliados de base do partido para coñecer a súa opinión, serán multisectoriais e irán orientadas a captar o maior número posible de sensibilidades e persoas de cara a crear desde a base e a cidadanía unha candidatura "sólida e solvente".