Antón Xil encabezará a candidatura do PP á alcaldía de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Partido Popular de Ponte Caldelas xa conta co seu cabeza de cartel para as próximas eleccións municipais de maio do 2019.
Trátase do xornalista Antón Xil, que segundo el mesmo confirmou aceptou a proposta da xestora do PP para presentarse á alcaldía acompañado de "un grupo de profesionais independentes e representantes de colectivos veciñais e sociais".
A pesar diso, Xil explicou que nin el nin os seus compañeiros de colectivos veciñais formalizarán o seu ingreso no Partido Popular.
"Respectamos a todas aquelas persoas que teñen militancia política, pero tamén a aquelas que non forman parte dunha disciplina partidaria como modelo organizativo. O noso compromiso circunscríbese a un proxecto local para e por Ponte Caldelas ao que esperamos sumar a cantas máis persoas mellor independentemente da súa sensibilidade e opinión en temas macropolíticos", sinalou o futuro candidato.
Nos próximos días producirase unha integración de equipos de traballo co fin de profundar na elaboración dunha análise pormenorizada da realidade socieconómica, sociocultural e política de Ponte Caldelas en base ao traballo de contacto directo coa cidadanía, sustentado en diferentes reunións nos 33 núcleos de poboación do municipio, segundo explicou Antón Xil.