A Deputación pon a andar a nova convocatoria de axudas para dinamización lingüística
Por Redacción
A Xunta do Goberno da Deputación Provincial aprobou esta semana as bases da anunciada convocatoria de axudas para a dinamización lingüística dirixidas aos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra, que conta cun orzamento de 300.000 euros, o dobre do rexistrado en 2016.
O prazo de solicitude destas axudas comezará ao día seguinte da publicación do extracto desta convocatoria no BOPPO e rematará o 16 de marzo de 2018.
A Deputación ofrece aos concellos, agrupación de concellos ou entidades locais menores dúas opcións a elixir para os seus proxectos: a creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística ou a promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego.
Con cargo a estas axudas, a Deputación aportará o 75% do orzamento de gastos de calquera das opcions, se ben no caso do servizo de normalización lingüística pagará un máximo de 15.000 euros e nos programas de dinamización do uso do galego un máximo de 8.000 euros.
Entre as principais novidades introducidas destaca a aposta pola creación e mantemento dos servizos de Normalización Lingüística, opción para a que se incrementa a axuda a percibir polos concellos con respecto a anos anteriores.
Mediante esta opción, os concellos poderán contratar o persoal técnico preciso para desenvolver a actividade propia dun servizo lingüístico, para o cal as bases estipulan as seguintes titulacións: grao en Lingua e Literatura galega, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, as licenciaturas equivalentes a eses graos ou outras titulacións superiores pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do certificado de lingua galega do nivel 5 (Celga 5).
No apartado de promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego, a principal novidade será a obrigatoriedade de aprobar unha ordenanza municipal sobre o uso da lingua. As bases indican que esta ordenanza ou regulamento debe ser aprobada polo pleno da corporación, ou ter o compromiso da súa aprobación durante o ano 2018. Tamén se esixe que nas solicitudes se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións transversais de cada unha das áreas de goberno (a maiores da propia proposta subvencionable).
Relacionadas:
-
A Deputación esixe un compromiso mínimo coa língua galega por parte dos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Unha auditoría revela que 49 concellos da provincia non teñen servizo de normalización lingüística
Por Redacción |
-
200.000 euros para dinamización da lingua galega e normalización nos concellos da provincia
Por Redacción |