Mosquera critica que o proxecto da Xunta para a ponte da Barca incumpre a normativa autonómica
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O proxecto de rehabilitación que deseñou a Xunta de Galicia para a ponte da Barca supón incumprir a propia normativa autonómica de seguridade ao incluír beirarrúas de 1,5 metros de ancho cando por norma deberían ter un mínimo de 1,8. Así o asegura o vicepresidente da Deputación Provincial e concelleiro pontevedrés, César Mosquera, moi crítico co plan da Consellería de Infraestruturas.
Mosquera realizou estas afirmacións este xoves a preguntas dos medios de comunicación tras darse a coñecer que a Xunta enviou aos concellos de Pontevedra e Poio os planos do proxecto e unha carta na que lles traslada que a única maneira de poder ampliar as beirarrúas na ponte é suprimir un dos carrís de circulación e ínstaos a poñerse de acordo na ordenación de tráfico que provocaría o sentido único.
O concelleiro pontevedrés anunciou que o Concello de Pontevedra responderá a esa carta da Xunta. Parte da base de que o proxecto é da Xunta e vaino a facer igualmente, pero responderanlle no sentido de que, segundo anunciou, "esiximos que se cumpra a normativa de seguridade". "Como pode ser que a Xunta non cumpra a normativa?", pregúntase.
Respecto diso, explicou que a ponte ten carrís de catro metros e beirarrúas de 1,5 cando a normativa esixe 1,8 como mínimo. Os concellos de Pontevedra e Poio piden que a nova ponte reformada teña beirarrúas máis anchas tanto para cumprir a lei como para mellorar a accesibilidade da propia infraestrutura, na que na actualidade, con ese tamaño, non poden cruzarse nin dous carros de bebé nin dúas cadeiras de rodas.
A proposta de Mosquera é que esas beirarrúas poderían ampliarse facendo carrís máis estreitos, pois hai carrís de autoestrada con 3,5 metros e a propia Xunta de Galicia impulsou pontes como o da Illa de Arousa, cun total de seis metros entre dous carrís. Ademais de mellorar a accesibilidade, cumpriría a normativa, pois Mosquera insiste en que "como exemplo non é bo" que a propia administración que aproba a norma non a cumpra, pero si esixa que cidadáns e empresas aplíquena.
"Aquí a ponte podería ter seis tranquilamente", responde Mosquera, que, ademais, valora que o argumento que deu a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, esta mesma semana para non ampliar as beirarrúas "é francamente peregrino". O argumento é que hai autobuses e camións que causan danos na cuberta que cobre a parte peonil da ponte.
En relación coas negociacións entre Poio e Pontevedra para poñerse de acordo na ordenación do tráfico na ponte, Mosquera aclara que ambos os municipios "estamos en contacto", pero que isto supoñería que asumisen entre ambos os municipios a titularidade da ponte, que na actualidade é da Xunta, e "un viario a medias é un pouco confuso". Ademais, chama a atención sobre o feito de que "iso non é posible agora nin en meses, é unha cousa enfarragosísima, queda a futuro".
Mosquera tamén critica a falta de información da Xunta a Poio e Pontevedra, sobre o proxecto, pois en xullo o Concello de Pontevedra pediulle que expuxesen un proxecto máis ambicioso e pediulle, en concreto, que solucionasen os problemas coa auga e beirarrúa máis anchas. Desde setembro que lles deron o OK a que seguisen co proxecto e quedaron en que "estamos en contacto", non volveron saber nada da Xunta nin dos técnicos nin do proxecto ata que o mesmo xa estaba licitado.
A XUNTA VE "IRRESPONSABLE" A ACTITUDE DE MOSQUERA
Horas despois destas declaracións, a Xunta de Galicia lamentou que o Concello de Pontevedra poña en cuestión "a profesionalidade e o rigor" dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas que supervisaron e aprobaron o proxecto de reforma e acondicionamento da ponte da Barca.
A Consellería de Infraestruturas considera "irresponsable" a actuación de César Mosquera por difundir información "incorrecta" sobre unha normativa de seguridade viaria "que evidentemente descoñece".
Nese sentido, a Xunta aclara que as beirarrúas da ponte da Barca teñen actualmente un ancho de 1,5 metros libres de obstáculos, cumprindo a normativa autonómica vixente en materia de accesibilidade. Os 1,8 metros aos que se refire o Concello "aplícase tan só a áreas urbanas desenvolvidas a través de instrumentos de ordenación integral, que non é o caso".
O proxecto de reforma e acondicionamento da ponte da Barca non prevé a remodelación das beirarrúas porque, despois dunha análise "exhaustiva e rigorosa", os expertos concluíron que "para facelo con plena seguridade resulta imprescindible limitar a circulación a un sentido e un único carril".
É posible acometer esa limitación, "perfectamente compatible coa obra que se vai acometer" segundo a Xunta, pero Pontevedra e Poio deben trasladarlle á Xunta o seu mutuo acordo sobre esa decisión. "Polo tanto, os concellos teñen a capacidade de tomar a iniciativa para esta mellora da accesibilidade peonil acadando un acordo entre eles", sinalan desde o goberno galego.
"Se o Concello de Pontevedra considera prioritario ampliar as beirarrúas debe traballar para procurar un acordo co Concello de Poio para reordear o tráfico da ponte en lugar de difundir afirmacións sen solvencia técnica algunha sobre seguridade viaria", conclúe o comunicado de Infraestruturas.
Relacionadas:
-
A ponte da Barca, en obras a partir de mediados de xullo para a súa reforma integral
Por Alejandro Espiño |
-
As beirarrúas da ponte da Barca non se ampliarán
Por Redacción |
-
A Xunta, disposta a suprimir un carril na ponte da Barca se hai acordo entre Pontevedra e Poio
Por Alejandro Espiño |
-
A "nova" ponte da Barca estreará marquesiña e iluminación pero, por agora, coas mesmas beirarrúas
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta licita as obras de reparación na ponte da Barca
Por Redacción |