Denuncian que O Morrazo quedou temporalmente cun bombeiro menos e sen un vehículo de excarceración
Por Anxo Lourido
Ángel Moldes, o presidente do comité de empresa de Matinsa, a empresa encargada da xestión dos Parques de Bombeiros do Morrazo e O Salnés, denuncia que este sábado un bombeiro e un vehículo BUL-31 tiveron que desprazarse da base de Bueu á de Ribadumia para cubrir unha baixa laboral. Esta decisión provocou que O Morrazo quedara cunha quenda de tan só tres efectivos cando o establecido son catro.
Ademais, o representante sindical indica que o vehículo BUL-31 emprégase para rescate en altura, para atender a persoas en situacións complicadas ou para chegar a puntos de difícil acceso. Ademais, este vehículo tamén é fundamental para excarcerar a vítimas de accidentes de tráfico. Por este motivo, Moldes indica que carecer deste transporte ten consecuencias á hora de atender emerxencias na comarca.
Para o líder sindical, esta situación mostra a mala xestión de recursos públicos por parte de Matinsa, que cobra polo seu servizo tanto á Deputación de Pontevedra como á Xunta de Galicia para garantir as intervencións. Ángel Moldes indica que a empresa está obrigada a contar con 13 persoas en bolsa de traballo para cubrir as baixas que se produzan nos Parques de Bombeiros que xestiona.
O comité de empresa, formado por CIG, UXT, CC.OO. e SIBGAL, lamentan que Matinsa siga facendo negocio das emerxencias e da seguridade veciñal. Por este motivo reclaman que desde a Deputación, tanto o BNG como o PSOE, adopten medidas.
Desde o 8 de maio de 2017, os traballadores do Parque de Bombeiros do Morrazo atópanse en folga. O Consorcio contra Incendios e Salvamento de Pontevedra, no que se atopan a Xunta e a Deputación, decretara servizos mínimos do 100% do persoal. Esta decisión obriga á empresa, segundo os representantes sindicais, a contar con quendas de catro bombeiros, unha situación que se incumpría durante este sábado, precisamente nesa xornada os Bombeiros do Parque de Bueu tiveron que desprazarse a Marín para atender un incendio no centro urbano.