Máis seguridade viaria para o ámbito do colexio Vilaverde
Por Alejandro Espiño
Case 159.000 euros. É o diñeiro que o Concello de Pontevedra destinará a unha actuación que pretende mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade na contorna do colexio Vilaverde, en Mourente. O expediente de contratación foi aprobado pola Xunta de Goberno.
As obras, unha vez sexan adxudicadas, terán un prazo de execución de catro meses.
Segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, este proxecto supoñerá fundamentalmente medidas de acougado de tráfico. Así, habilitarase unha plataforma única en toda esta zona, desde o viario que parte da gasolineira da Avenida de Lugo.
Ademais, xunto a nova sinalización horizontal e vertical asfaltarase de novo todo o viario, gañaranse sobreanchos ao longo de todo o acceso e instalaranse varios lombos.
Esta actuación está deseñada, engadiu o portavoz municipal, para garantir a seguridade dos nenos que acoden a este centro educativo, o segundo en número de alumnos de todo o municipio, só superado polo colexio de Campolongo.
A Xunta de Goberno, por outra banda, tamén acordou licitar a reforma das canalizacións e pluviais do camiño de acceso a O Castelo (Lérez), desde a Porta do Sol. Investiranse 226.409 euros e as obras deberán realizarse nun prazo de tres meses.
Tamén se autorizou a firma do convenio coa Deputación de Pontevedra, que se rubricará o vindeiro venres, para a construción dos novos campos de fútbol de Campañó e Ponte Sampaio, valorados conxuntamente en 2,4 millóns de euros e que financiará integramente a administración provincial.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A renovada contorna do colexio Vilaverde, desde o aire
Por Redacción |
-
O mal estado da tubaxe da auga adía as obras no acceso ao CEIP Vilaverde
Por Redacción |
-
Sacan a licitación a mellora da accesibilidade do colexio Marcos da Portela de Monte Porreiro
Por Natalia Puga |
-
A seguranza viaria no colexio Vilaverde e outras colaboracións do Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
Os xogos populares 'invaden' o recreo do colexio Vilaverde
Por Alejandro Espiño |