Volve Noites Abertas con case un centenar de actividades
Os mozos de entre 12 e 30 anos poderán participar nun amplo abano de cursos, desde baile ata cociña, pasando por todo tipo de xogos e deportes. A participación nas actividades non require inscrición previa, fóra de 7 delas que se realizará na súa páxina web noitesabertas. gal, por exemplo, a ruta en kaiak ou a observación astronómica.
A organización contará con 137 monitores que impartirán cursos como 'Cestaría tradicional', por decimonoveno ano consecutivo e as 'Superxornadas de Manganime e Cultura Geek', que cumpre 8 anos. Trátase de actividades que xa non poden faltar na programación anual.
'A habitación do pánico' preséntase como unha das novidades deste ano e acompañará outras actividades populares de terror relacionadas con zombies. Outro curso que se estrea nesta edición está especializado en deporte, da man da Comisión de Igualdade, para traballar por un espazo libre de violencia de xénero.
Durante o período de promoción de Noites Abertas, membros de Ibuprofeno Teatro percorrerán institutos e facultades facendo visible a edición, para a cal se destinaron 86.000 euros procedentes do Concello. O concelleiro Alberto Oubiña explicou que non reciben axudas doutras administracións para estas actividades.