A ANPA do colexio Isidora Riestra denuncia a falta de investimento da Xunta no centro escolar
Por Oskar Viéitez
A asociación de nais e pais de alumnos San Xoán do CEIP Isidora Riestra emitiron un comunicado no que denuncia a "falta de investimento por parte da Xunta no centro escolar".
Nun escrito, a ANPA lembra que no que levamos de curso tiveron no centro escolar "dous incidentes moi graves que por fortuna só quedaron nun gran susto".
O primeiro deles produciuse a finais do primeiro trimestre cando un alumno á saída de clase tropezou e apoiou a man nunha cristaleira que cedeu producíndolle cortes nos brazos, polos que tivo que ser operado.
A dirección do centro puxo este feito en coñecemento tanto do Concello como da Consellería de Educación da Xunta, da que "non se recibiu resposta algunha", polo que se solicitou no mes de febreiro, por segunda vez, "unha reunión co delegado para expoñerlle o mal estado en que se atopa o centro e os investimentos urxentes que necesita o colexio. A día de hoxe aínda estamos a esperar data para esa reunión", informan.
Do segundo suceso tívose coñecemento este luns tras a caída do falso teito da aula dos máis pequenos do colexio. "Volvemos a ter sorte xa que se isto pasa en horario lectivo, estariamos a falar como mínimo dun bo número de nenos feridos", sinalan desde a ANPA.
"Coa sorte non se pode seguir xogando polo que é necesario que se realicen os investimentos necesarios no centro escolar, o cal xa ten uns corenta anos e necesita unha boa reforma", engaden en leste mesmo escrito.
Entre os investimentos que a Anpa considera que son máis urxentes están:
- Cambiar as xanelas das aulas, "xa que por elas prodúcese unha gran perda de calor e por tanto un gasto extra de combustible".
- Arranxar as beirarrúas de entrada ao colexio "xa que se producen auténticas piscinas de auga e o nenos acaban pasando por encima".
- Arranxar a greta que hai no chan da aula de informática e na aula número 3.
- Sacar o muro que está diante das aulas de infantil. (É un muro duns 20 centímetros no cal é fácil que os nenos tropecen e caian).
- Arranxar o firme e cubrir as pistas deportivas do exterior. "O firme destas pistas é de asfalto e despois de 40 anos sóltanse as pedras. Ademais é incrible que nunha comunidade autónoma como Galicia na que gran parte do inverno chove, non dispoñamos dun patio cuberto quedando os nenos en clase cando isto ocorre".
- Repoñer o enreixado exterior do centro, "a actual á parte de que está en mal estado, é baixa polo que é fácil acceder ao colexio. As fins de semana prodúcense actos vandálicos no centro. Este ano romperon a porta da oficina da ANPA dúas ocasións".
- Acondicionar o ximnasio.
- Valorar o posible perigo que representa o estado en que se atopa o depósito de fuel. "Está á intemperie e atópase todo oxidado".
- Cambiar a caldeira, "hai dous veráns se nos dixo que se procedería ao cambio".
- Valorar o perigo que representa a existencia de amianto no colexio e retiralo se fora necesario.
- Colocar un portal automático na entrada de acceso ao recinto escolar, "nestes momentos está aberto durante todo o período lectivo, polo que é fácil, acceder sen control fóra dos horarios de entrada e saída do centro e por tanto tamén é fácil que os nenos se poidan escapar".
Finalmente a ANPA solicita que os técnicos da Xunta e do Concello de Poio certifiquen a seguridade do colexio e que invistan na reparación dos defectos que detecten no centro. "Xa é hora de que se invista nos colexios antes de que se produza unha desgraza", conclúen.
Relacionadas:
-
A comunidade educativa do CEIP Isidora Riestra traslada a Educación as necesidades do colexio
Por Oskar Viéitez |
-
Xunta e Concello colaborarán para reformar a aula sinistrada do colexio Isidora Riestra
Por Oskar Viéitez |
-
Cae o falso teito dunha aula de infantil do colexio Isidora Riestra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada