Unha condutora resulta ferida tras impactar contra un cabalo en Marín
Por Redacción
Unha condutora resultaba ferida cun golpe no peito despois de que o vehículo que pilotaba impactase contra un cabalo que se atopaba na estrada.
Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia, o sinistro producíase ás 20.15 horas deste luns na PO-313, na parroquia de San Tomé de Marín.
A propia condutora púxose en contacto co Servizo de Emerxencias para solicitar axuda. O vehículo quedou parado na vía e o animal atopábase mal ferido.
Ata o lugar trasladáronse os profesionais sanitarios, ademais de axentes da Garda Civil de Tráfico e de persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas co fin de restablecer as condicións de seguridade na estrada, segundo informa o 112 Galicia.