Sanxenxo conclúe as obras pendentes de mellora dos seus colexios
Por Redacción
Catro obras menores no CEIP O Cruceiro, no CEIP Portonovo e no CEIP Magaláns. Eran as actuacións que quedaban pendentes do "zafarrancho" de obras de mantemento que o Concello de Sanxenxo realizara o pasado verán, aproveitando as vacacións escolares.
Así, nos últimos días completouse a reforma da pista deportiva no Cruceiro, a reforma integral dun baño na planta baixa do edificio principal e o cambio do chan dun baño de educación infantil en Portonovo e o arranxo dun muro e a limpeza dos canlóns do CEIP Magaláns.
Con estas obras, valoradas en 27.700 euros, péchase esta primeira fase de actuacións.
Ademais, Educación asumiu directamente unha obra de substitución de tellado e de cambio total das láminas da fachada do pavillón de Noalla. Esta obra foi necesaria debido aos danos provocados polo paso dun tornado o pasado mes de xaneiro.
Así, desde o outubro ata esta semana, a concellería de Educación executou unha serie de obras nos centros valoradas en 147.000 euros, en parte financiados pola Xunta de Galicia e parte con fondos propios municipais.
Nestes momentos, o goberno municipal traballa na valoración dun novo programa de obras para acometer no futuro. Para iso, están a recollerse as demandas que os propios centros trasladan á concellería.