Obra urxente para crear un muro de contención na avenida de Bos Aires
Por David Arana
O Concello de Pontevedra aprobou a construción dun muro de contención localizado na avenida de Buenos Aires, próximo á Ponte das Palabras e ao barrio de Monte Porreiro, onde veu abaixo un noiro debido á saturación da rede de drenaxe.
Xa no ano 2014 produciuse un feito similar que obrigou a levantar outro muro a partir do cal se construirá o novo, que terá unha lonxitude de 140 metros e unha altura de 6 metros.
A obra foi adxudicada á empresa COVSA por un importe de 317.326,60 euros, e esta levará a cabo os labores de escavación, preparación de desmonte, cimentación e construción do muro. O portavoz municipal, Raimundo González, xustificou a rápida adxudicación do traballo debido á urxencia que require esta reforma, xa que existe risco de colapso e novos derrubes de non ser reparado rapidamente.
As obras comezarán de maneira inmediata, segundo informa o Concello, e serán levadas coa maior presteza que sexa posible e con todas as garantías para evitar posibles problemas que puidesen suceder no futuro.