Estudan acondicionar o edificio de Santa Clara para acoller iniciativas pola igualdade
Co obxectivo de converter o edificio municipal de Santa Clara no epicentro de actividades de loita contra a violencia de xénero, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e a responsable de Promoción económica, Anabel Gulías, presentaron no Concello un proxecto para o acondicionamento do edificio, desde o punto de vista da loita pola igualdade.
É por iso que xa se puxo en marcha un plan de mellora exterior e interior do edificio, cun orzamento de 130.000 euros.
Segundo detallou Anabel Gulías, trátase dunha idea pola que o edificio municipal se converterá "nun dos equipamentos públicos máis aproveitados do Concello".
Para isto está previsto deseñar un programa, A Redeira, de economía colaborativa con enfoque de xénero, por el que se establecerá un punto de encontro para a posta en común de proxectos e habilidades profesionais, a través dunha especie de 'banca colaborativa de horas'. Un sistema único en Galicia que dará "pasarela prioritaria" para as vítimas de violencia machista, especialmente en actividades dirixidas á súa empregabilidade co obxectivo da súa volta á realidade.
O edificio xa alberga algunhas iniciativas como o CIM (Centro de Información Á Muller), un espazo dedicado a mulleres vítimas de violencia de xénero, cun equipo formado, entre outros, por unha psicóloga, unha avogada e dous axentes da Policía Local. Un dispositivo que se encarga en exclusiva de loitar contra os malos tratos. O inmoble acolle tamén un espazo para o Plan de Igualdade.
Fouces destacou que se trata dun proxecto "moi ilusionante", que xurdiu a raíz do deseño preliminar de actividades a partir dos fondos europeos DUSI, iniciativas nas que se botaba en falta unha visión socio-laboral.