Xuízo contra Sito Miñanco: cando avogado e acusado rivalizan en flashes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O xuízo por branqueo de capitais contra José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, suspendido sine die na Audiencia Provincial puxo en Pontevedra o foco de interese de medios de comunicación de toda España. Á fama que precede ao histórico narcotraficante sumouse a súa detención hai apenas tres semanas por un alixo de 3.800 quilos de cocaína, súmase o secuestro do libro Fariña de Nacho Carretero e a estrea este mércores da serie do mesmo nome en Antena 3.
O caldo de cultivo para o despregamento de medios de comunicación estaba servido, confirmouse e, de paso, apareceu en escena un novo foco de interese, o seu avogado, Gonzalo Boye.
Gonzalo Boye Tusset (Viña del Mar, Chile, 1965) xa asumiu a defensa de Sito Miñanco a principios de febreiro cando foi detido na operación Mito por orde da Audiencia Nacional, o seu nome saltou aos medios e as hemerotecas empezaron a rememorar o seu currículo persoal e profesional, que no ano 2016 mesmo inspirou un documental.
O director e produtor Sebastián Arabia está detrás de Boye, unha película documental sobre a súa vida que relata todas as vicisitudes vitais dun home que nos últimos meses acaparou titulares e noticias porque leva a representación dos ex consellers da Generalitat de Catalunya Toni Comín e Meritxell Serret, actualmente en Bruxelas xunto a ex presidente catalán, Carles Puigdemont.
Tan só por este último caso, Boye xa rivaliza con Sito Miñanco á hora de acaparar atención mediática, pero, ademais, na súa historia xorden temas moito máis polémicos como a súa condena na Audiencia Nacional no ano 1996 por colaborar coa banda terrorista ETA. A sentenza imponlle 14 anos de prisión por participar no secuestro do industrial Emiliano Revilla.
Esa estancia en prisión, que finalmente foi de seis anos, serviulle para completar a carreira de Dereito a través da UNED e, cando en 2002 saíu en liberdade empezou a exercer e labrouse unha fama vinculada a casos como os atentados de Madrid do 11 de marzo de 2004, en cuxo xuízo exerceu a acusación particular en nome dunha vítima.
O caso de Luís Bárcenas ou a defensa do ex técnico da Axencia de Seguridade Nacional dos Estados Unidos (NSA) Edward Snowden tras sacar á luz espionaxe masivo de EEUU son algúns dos procesos xudiciais que alimentaron a súa fama a nivel mundial.
O seu paso polos medios de comunicación foise incrementando nos últimos anos, tanto como traballador como como entrevistado. Así, foi editor da revista Mongolia durante cinco anos e secretario do consello de administración de Diario de Prensa Digital, S. L., responsable de eldiario.es.
Durante a súa presenza esta semana en Pontevedra con motivo do xuízo contra Sito Miñanco non escatimou en declaracións aos medios de comunicación, aos que revelou que este mesmo venres ten en Madrid un xuízo ao que non podía faltar porque é unha causa con preso e que a próxima semana ten unha cita nun tribunal internacional.
Non escatimou tampouco en críticas ao sistema xudicial e, en especial, ao tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial. Do funcionamento da Xustiza cuestionou que a causa xudicial que sentou a Sito Miñanco no banco leva dez anos de instrución: "diez años para escribir seis tomos. Así nos va".
Da sección a que lle toca xulgar ao seu cliente manifestouse "preocupado a la vista de lo que está ocurriendo en la sala" e cualificou como "inaudito" que, nun primeiro momento, os maxistrados do órgano provincial non se abstivesen de revisar a causa por falta de imparcialidade.
Este xoves, tras presentar el e outro avogado un recurso pedindo a recusación de dous maxistrados, a Audiencia admitiu a trámite a petición e suspendeu a vista, por prudencia, para que se estude. El xa cambiou de actitude e destacou o seu "buen criterio".
Relacionadas:
-
O ocaso dos vellos narcos: caen Sito Miñanco, Manuel Charlín e Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
Un perito ve "coherentes" os patrimonios da filla e a ex de Sito Miñanco e bota por terra a acusación por branqueo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O xuízo por branqueo de capitais contra Sito Miñanco retomarase o 25 de outubro na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco deixa A Lama e trasládano á prisión de Alcalá Meco
Por Natalia Puga |
-
Suspenden o xuízo contra Sito Miñanco para estudar a posible recusación do tribunal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Un xuízo baixo a sombra de dúas folgas: unha xudicial e outra de fame
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O avogado de Sito Miñanco acusa o tribunal da Audiencia de non ser "imparcial" e o fiscal de "machismo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Sito Miñanco enfróntase a seis anos de cárcere por blanquear diñeiro do narcotráfico xunto á súa familia
Por Natalia Puga |