O Encontro de Escolas da Unesco achega ao campus de Pontevedra a 130 escolares
Alumnos de primaria e secundaria, procedentes de diversos centros de ensino de Galicia, participan dende a mañá deste xoves 1 de marzo no VIII Encontro Galego de Escolas Asociadas á Unesco.
Esta rede integra centros de ensino entre os que se inclúe a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, sede dos talleres que se levaron a cabo tras o acto de apertura celebrado no Pazo da Cultura.
Ademais de pasar una xornada divertida, o obxectivo é formarse en aspectos como o deporte para a paz ou a sustentabilidade e a comunicación radiofónica.
Na propia Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, levouse a cabo un taller que vencella a práctica deportiva cos valores da Unesco. O investigador da facultade, Adriano Sánchez, sinala que "a idea é utilizar o deporte como estratexia catalizadora para traballar estes valores".
Na Escola de Enxeñaría Forestal os nenos puideron coñecer o funcionamento dun láser-escáner terrestre co que escanearon o hall da escola, segúndo a información de Eduardo Muñiz, no DUVI.
Xusto enfronte, na Facultade e Ciencias Sociais e da Comunicación, os rapaces viven a súa primeira experiencia de achegamento ao funcionamento da radio, nunha actividade coordinada por José Jardón, co-director do programa Radio Escaparate.