Ángel Moldes, sobre o goberno de Poio: "1.000 días de fracasos e promesas incumpridas son inxustificables"
Por Redacción
O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, fai balance dos 1.000 primeiros días de mandato do goberno local de Poio, que se cumpren xusto este venres e dos que considera que "deberían ser suficientes para demostrar capacidade de goberno se a houbera" e, con todo, só tiveron "fracasos".
"Despois de 40 anos no Concello e máis de dúas décadas na Alcaldía, estes 1.000 días de fracasos e promesas incumpridas son inxustificables", valorou Moldes durante unha rolda de prensa convocada para a ocasión.
En opinión do voceiro do PP, o PXOM foi "o gran fracaso desta lexislatura" a pesar de que por primeira vez na historia do Concello hai un concelleiro de Urbanismo con dedicación exclusiva e un asesor a razón de 1.600 euros mensuais. Ao respecto, valoran que "o departamento de urbanismo máis caro da historia é o que máis chapuzas perpetra e máis fracasos colleita".
"Debe ser o único concello de Galicia no que ese documento non pasase por unha comisión de urbanismo nin fose consultado con ninguén", sinala Moldes, que lembra que a parálise urbanística incide nos negocios de hostelería, na actividade económica de Poio e na vida de moitas familias, pois hai "empresas que queren instalarse no concello, vivendas e actividades ás que ese documento podería darlles encaixe legal".
Ademais, indica que no último ano, o Concello perdeu unha subvención de 1,5 millóns de euros e todo por parte dun goberno que "é o que peor relación ten co resto das administracións, incluidas as da súa corda política", e ademais. "non pode presumir nin de feitos nin sequera de proxectos, e intentan enganar á xente con anteproxectos, con mentiras e ocultismo".
Moldes puxo de exemplo os problemas co IBI, pois esta mesma semana asegura que tivo unha reunión cun veciño ao que lle chegaron preto de 7.000 euros de atrasos. "Hai un problema moi serio, e é un problema que parte das mentiras, a avaricia e a incompetencia deste concello", indica.
Outra das súas críticas está centrada nas "malas cifras económicas" do Bipartito PSOE-BNG ao longo destes mil días. "Intentan manipular á xente, pero como poden falar de orzamentos se os presentan tarde, mal e a rastras e con cero euros para investimentos? Como poden presumir de xestión se para facer unha obra de 100.000 euros teñen que pedir un préstamo á Deputación? Como falan de remanente de tesourería se Poio debe máis de 6 millóns de euros, o triple que Vigo?", valora Moldes.
Ademais, incidiu na falta de resposta aos grandes problemas de Poio, como a depuradora, e incidiu en que agora mesmo varios polígonos de Poio están en zona C indefinida, e o sector teñen medo de que o marisqueo tamén entre en problemas mentres Luciano Sobral "só sabe coller a pancarta, pedir peches de empresas e mentir aos veciños".