Unha moza que denunciou que o seu tío abusou dela 11 anos declara agora ante o xuíz que "no recuerda nada"
Por Natalia Puga
Unha moza de 24 anos denunciou sendo adolescente que o seu tío Fernando C.V. abusara sexualmente dela durante 11 anos, entre os 4 e os 15. No seu día achegara todo tipo de detalles sobre sete episodios de abusos e agresións sexuais con penetración producidos en Lalín e Canarias, pero este xoves presentouse ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra e asegurou que non recorda nada do sucedido.
A rapaza declarou a porta pechada, pero fontes xudiciais revelaron parte do seu testemuño. A muller renunciou á asistencia que lle estaba a prestar un avogado da quenda de oficio porque non quere seguir adiante coa denuncia e durante a declaración "non afirmaba ni negaba nada", pero si se mostrou contundente ao asegurar que "no recordaba y no estaba segura de nada".
Esta declaración da presunta vítima contradí o que denunciara no seu día, pero coincide co relatado na sala cunha das súas tías, a primeira persoa á que relatou o sucedido e coa que vivía cando denunciou os feitos. Esta muller relatou que xa hai dous anos a súa sobriña a chamou por teléfono e contoulle que non estaba seguro de seguir coa denuncia. "Me dijo que no sabía qué le había pasado por la cabeza, que no sabía por qué lo había dicho, que no estaba bien y no se acordaba de nada", relatou a súa tía e irmá do acusado.
A suposta vítima á súa tía: "Me dijo que no sabía qué le había pasado por la cabeza, que no sabía por qué lo había dicho"
Esta testemuña indicou que tanto a súa sobriña coma os seus catro irmáns "han tenido una vida muy difícil, han tenido muy mala vida", entre outras circunstancias, porque sufriron a morte da súa nai cando a presunta vítima aínda era unha adolescente. O falecemento da súa nai levou a denunciante a cambiar de domicilio en varias ocasións, a vivir coa súa avoa, coa súa irmá e con esta tía que declarou ante a sala.
Foi durante os anos nos que se enfadou coa súa irmá maior e pasou a vivir coa súa tía cando lle relatou que fora vítima dos abusos e violacións. A tía púxose en contacto con toda a familia e "nadie daba crédito". A pesar de todo, acabou denunciando os feitos porque a súa sobriña llos relatou "llorando y con una depresión tremenda".
O sucedido "nos ha destrozado a toda la familia". "Ustedes no se hacen una idea de lo que yo he pasado en ese momento. Esta niña ha tenido una vida muy difícil. Me sentía responsable porque estaba en mi casa, pero, al mismo tiempo, él es mi hermano", relatou entre choros ao tribunal.
O acusado: "llevo cuatro años rompiéndome la cabeza, dándole vueltas y vueltas, pasé noches sin dormir pensando en por qué lo dijo"
Na actualidade, a relación do resto da familia coa presunta vítima é practicamente inexistente, pero si teñen máis relación co procesado, que declarou na Audiencia de Pontevedra que "para nada" mantivo relacións sexuais coa súa sobriña e "llevo cuatro años rompiéndome la cabeza, dándole vueltas y vueltas, pasé noches sin dormir pensando en por qué lo dijo".
Segundo indicou,"teníamos una relación normal de familia", se ben a presunta vítima era a súa afillada e "tenía más apego con ella". Esta relación familiar levoulle a "ver alguna vez la televisión tumbados en la cama o el sofá" e a xogar a miúdo, pero "nunca pasó nada". Ademais, cando se daban esas situacións, adoitaba estar presente unha das irmás da suposta vítima.
A sesión do xuízo incluíu a declaración de dous peritos que fixeron unha análise psicolóxica da vítima e concluíron que "su relato es muy altamente creíble" e que cando lles contou o sucedido "estaba muy afectada por lo que estaba relatando".
Tras escoitar as testemuñas e peritos, o fiscal decidiu elevar a definitivas as súas conclusións provisionais polas que acusa o procesado de sete delitos de abusos e/ou agresións sexuais con penetración e pide que sexa condenado a 37 anos e tres meses de prisión.
O xuízo retomarase o próximo martes 30 de abril.