Piden 37 anos de cárcere para un acusado de abusar da súa sobriña dende que ela tiña 4 anos e el, 20
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará este xoves un veciño de Lalín de 40 anos acusado de abusar sexualmente da súa sobriña dende os 4 anos e violala a partir dos 6. O fiscal considéralle autor de sete delitos polos que pide que sexa condenado a 37 anos e tres meses de prisión.
O fiscal considera que o acusado, Fernando C.V, aproveitouse do seu parentesco coa súa vítima e a someteu a abusos e agresións con penetración "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais, durante distintos encontros familiares". O procesado é 16 anos maior que a súa vítima e cando empezou a cometer os delitos que se lle imputan tiña 20 anos e a ela 4.
A súa presunta vítima "accedeu debido á relación de confianza que mantiñan" e non presentou a primeira denuncia ata seis anos despois do primeiro abuso. Malia que os feitos se denunciaron, repetíronse episodios de agresión con penetración e tocamentos durante cinco anos máis.
A consecuencia destes feitos, a rapaza, que na actualidade ten 24 anos, presenta "síntomas ansioso-depresivos, problemas á hora de relacionarse cos demais, desconfianza e suspicacia", así como "varios problemas de adaptación a nivel persoal, familiar, social e laboral". Nove anos despois do último episodio de abusos, os forenses aprecian nela "unha sintomatoloxía de estrés postraumático asociada aos feitos denunciados". O fiscal pide que por estes danos morais causados a indemnice con 65.000 euros.
Segundo o relato dos feitos do fiscal, o primeiro delito teríao cometido en 1993, cando a nena tiña 4 anos e o acusado, que vivía en Agolada, desprazouse ao domicilio dos pais da súa presunta vítima en Lalín. Aproveitando que os proxenitores estaban a traballar, levouna ao cuarto do seu irmán, espiuna e someteuna a tocamentos nos peitos e a vaxina.
Dous anos despois produciuse un novo episodio de abusos durante unha visita da nena á casa da súa avoa en Lalín. Nun momento en que quedaron sós, levouna ao cuarto, quitoulle a faldra, as medias e as bragas, espiuse el, tocoulle todo o corpo e, a continuación, sentouna enriba del e dos abusos da ocasión anterior pasou a unha agresión: penetrouna vaxinalmente.
Aos 8 anos, durante un encontro familiar na casa da súa avoa, penetrouna por vía vaxinal tras tombala nun terreo. Aos 9 anos agrediuna na casa dos pais da nena. Aos 11 anos someteuna a tocamentos durante unhas vacacións da familia en Tenerife, onde vivía o acusado. Aos 12 anos penetrouna cun dedo e xa aos 15 anos produciuse o último delito que ten rexistrado o fiscal, nesa ocasión na casa da avoa en Lalín. Penetrouna por vía vaxinal e obrigou a facerlle unha felación.