Unha orixinal performance con coliflores escenifica en Cambados a forza das mulleres
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7b3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5aa6b56b89-dsc_0029.jpg)
© Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e29/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5aa6b57c13-dsc_0694.jpg)
© Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/659/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5aa6b5c24c-dsc_0761.jpg)
© Deputación de Pontevedra
O alumnado do colexio Salesianos de Cambados presenciou este luns unha orixinal performance coa que a artista Elisa Miravalles evidenciou "a fortaleza das mulleres en contraposición coa idea de muller débil que aparece continuamente nos medios".
A intervención artística é a novena que se realiza no programa 'Mulleres en Acción. Violencia Zero', unha iniciativa da Deputación Provincial de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas e dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.
Nesta ocasión, a actuación foi no Salón Peña de Cambados e chamou a atención do alumnado e da clase política asistente porque o protagonismo foi para ducias de coliflores, coas que interactuou e coas que representou unha silueta e escribiu a verba 'amor'.
A performance, que leva por título 'Extrema presenza', contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva. No preludio da actuación, lanzou unha mensaxe ao alumnado resaltando que "a educación é o único instrumento que nos vai permitir poñer en marcha un proxecto de sociedade onde a ninguén se lle vai impedir avanzar e así crear unha sociedade na que todas e todos sexamos iguais, en definitiva, unha sociedade mellor".
Carmela Silva indicou que no ano 2016 houbo máis de 5.800 denuncias sobre malos tratos e en 2017 máis de 6.400, cifra que supón un incremento do 13,3% e demostra que cada ano aumentan as mulleres que dan o paso de denunciar. "Desgraciadamente tamén medran os asasinatos", engadiu a presidenta, pois no ano 2017 houbo 55 asasinatos machistas, máis que en 2016.
Tamén asistiron a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; e a deputada provincial, Digna Rivas. A responsable local agradeceu á Deputación a creación deste programa e o traballo que fai a favor da igualdade, pois "as mulleres somos máis da metade da poboación e temos que ocupar o espazo que nos corresponde".