Deteñen un camioneiro por conducir de maneira temeraria e colgar vídeos coas súas fazañas en redes sociais
Por Redacción
A Garda Civil investiga penalmente por un delito presunto contra a seguridade do tráfico a un veciño de Sanxenxo, JM.V.G., de 28 anos.
A súa identificación produciuse a través dos vídeos que el mesmo publicaba nas redes sociais nos que se lle ve conducindo un camión "de forma manifestamente temeraria", sinala o Instituto Armado.
A investigación iniciouse a finais do pasado mes de febreiro cando Grupo de Investigación e Análise de Tráfico do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra tivo coñecemento da publicación nas redes sociais de varios vídeos nos que se observaban condutas temerarias ao volante.
Nun dos vídeos, supostamente gravados por el mesmo, pódeselle ver conducindo cos pés colocados sobre o cadro de mandos, mentres que no outro, pódese observar como xoga a sortear flocos de neve circulando por unha autovía dando bandazos e sen prestar atención á condución.
Por mor das pescudas realizadas a Garda Civil logrou primeiro a identificación do camión e posteriormente a do camioneiro, ao que se lle notificou a súa condición de investigado como suposto autor dun delito contra a seguridade do tráfico, polo que se pode enfrontar a penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito para conducir por tempo superior de 2 a 6 anos.
As dilixencias do caso foron entregadas ao Xulgado de Instrución de garda de Cambados.