Un vilagarcián, entre os detidos nunha rede de venda de armas transformadas a través da internet
Por Redacción
Varios veciños da provincia de Pontevedra, entre eles un de Vilagarcía de Arousa e outro de Soutomaior, figuran entre os 18 detidos pola Garda Civil no marco da denominada operación 'Benjamín', que lles permitiu desarticular unha trama que compraba a través da internet armas detonadoras que foran transformadas para facer fogo real.
A operación, desenvolvida en varias provincias españolas baixo coordinación dun xulgado e da Fiscalía de Vigo, deixou 18 detidos e tamén tres persoas máis investigadas. Atribúenselles delitos de tráfico de armas, tenencia ilícita de armas, integración en organización criminal, depósito de explosivos, tráfico de drogas e branqueo de capitais.
O veciño de Vilagarcía detido responde as iniciais F.J.S.C. e ten 56 anos. Segundo puido saber PontevedraViva, a el en concreto atribúeselle un delito de tenencia ilícita de armas.
Na operación incautáronse sete armas de fogo sen legalizar, 28 pistolas detonadoras transformadas para efectuar fogo real, 26 armas en proceso de transformación, 20 pistolas de descargas eléctricas, un silenciador, 2.100 cartuchos de diferentes calibres, oito artefactos explosivos de fabricación caseira, 139.950 euros en metálico, 1,5 quilos de cocaína e sete quilos de haxix, unha ballesta, dous arcos e 30 frechas, entre outros efectos.
As investigacións remóntanse ao ano 2016. A raíz unha operación previa realizada a nivel europeo e coordinada por Europol, os investigadores da Garda Civil puideron descubrir que unha coñecida activista de grupos antisistema galega, que xa fora condenada polo lanzamento de varios artefactos incendiarios contra o centro financeiro de Vigo, estaba a dedicarse, a través de Internet, á venda de armas detonadoras que ela mesma transformaba para que puidesen efectuar fogo real, así como a munición con proxectil para ser disparada con estas armas.
A coñecida activista se valía de diferentes persoas ás que utilizaba como homes de palla para a realización dos envíos das armas e a recepción dos pagos. Tras a súa detención o pasado mes de xaneiro, descubriuse unha serie de documentación que, unha vez analizada, permitiu dentificar a numerosas persoas que compraran armas á trama desarticulada e que as posuían ilegalmente, tratándose en moitos casos de persoas con numerosos antecedentes policiais o que evidenciaba que as adquirían con fins ilícitos.
Esa semana, o mércores 14 de marzo, foron detidos de forma coordinada 16 destes compradores, realizando 25 entradas e rexistros nos seus domicilios nos que se interviñeron, entre outros efectos, 61 armas de fogo e máis de 2.100 cartuchos metálicos de diferentes calibres.
Coa presente actuación impediuse que o elevado número de armas incautadas puidesen ser empregadas para a comisión de delitos, coas consecuencias imprevisibles e graves que iso pode traer consigo para a seguridade cidadá; máxime cando da trama desarticulada formaban parte individuos perigosos.