O Concello non retirará os recursos contra o hospital de Monte Carrasco a pesar da petición do Sergas
Por Redacción
O Concello de Pontevedra non retirará os dous recursos contencioso administrativos que presentou contra a decisión da Xunta de construír un novo hospital en Monte Carrasco. Pedírallo a xerente do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez, nunha carta remitida hai apenas 24 horas. "Non retiraremos nada dado que é un dereito das persoas, tamén das administración, a defensa xurídica dos seus dereitos", di César Mosquera.
César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas, recordou que estes dous recursos pretenden anular por unha banda a construción do Hospital en Monte Carrasco e por outra o desdobramento da estrada PO-542 entre O Pino e Bora que dará acceso a ese posible hospital. "E cando iniciaron as expropiacións do desdobramento "non fixeron caso do recurso do Concello, e seguiron para adiante".
Nesa carta, o Sergas asegura que os seguintes pasos para construír o hospital de Monte Carrasco están hipotecados por estes dous recursos, pero Mosquera interpreta que con esta comunicación "ou ben a Xunta admite que o Plan Sectorial do Hospital non está ben, ou que non hai nin un duro para facer o Hospital, cousa que parece máis crible".
Pero o que máis sorprendeu ao goberno local foi a petición de colaboración que a xerente do Sergas pedía tamén nesa mesma misiva. "A petición de colaboración ao Concello é sangrante", dixo César Mosquera quen lembrou que o Concello tiña asinado un convenio coa Xunta para a ampliación de Montecelo que non respectou o Goberno de Núñez Feijóo, "e agora parece que o agresor lle di ao agredido que sexa bo en aras dunha suposta colaboración institucional que eles non respectaron".
O PP UNESE A PETICION DO SERGAS
A esta petición feita pola xerente do Sergas únese tamén o PP local. O seu portavoz, Jacobo Moreira, reclama ao alcalde, Miguel Fernández Lores, que abandone a "belixerante postura" que mantén en relación ao proxecto de construción do futuro hospital de Monte Carrasco "e aposte pola cidade, o seu desenvolvemento, o seu progreso e a posibilidade de que conte cunha infraestrutura sanitaria pública da envergadura que merece".
Deste xeito, para o Partido Popular, de non retirar o Concello os recursos xudiciais interpostos contra a iniciativa da Xunta de Galicia para desenvolver o proxecto de Monte Carrasco, o alcalde e os seus socios de goberno "serían os únicos responsables da parálise desta importantísima actuación".
O Sergas, segundo Moreira, está hoxe en condicións de iniciar o proceso de expropiación, pois xa adxudicou a realización das accións previas a este trámite, para posteriormente proceder a redactar o prego de condicións técnicas e sacar a concurso o investimento. "Pero precisa da colaboración institucional da Administración Local pontevedresa para non demorar o procedemento, o que necesariamente pasa pola retirada desas actuacións xudiciais".