O novo centro de saúde, insiste o Sergas, complica o futuro dos consultorios de Raxó e Combarro
Por Alejandro Espiño
O Sergas mantén a súa formulación inicial. A construción dun novo centro de saúde en Poio supoñería o peche dos consultorios de Anafáns, Combarro e Raxó.
En declaracións a PontevedraViva, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez asegurou que "non sei se pode ter demasiado sentido" mantelos abertos.
Un novo centro de saúde "amplo" e con superficie "suficiente", explicou, estará dotado coa tecnoloxía e co persoal "correspondente" para prestar unha óptima atención sanitaria no municipio.
O peche de Anafáns ninguén o pon en dúbida, despois de que se descartase a súa ampliación por motivos técnicos. O centro de saúde proxectado estaría, segundo os estudos previos, moi próximo ao actual, na parroquia de San Salvador.
O Sergas entende que manter abertos os puntos de atención en Combarro e Raxó obrigaría a manter o persoal sanitario "disperso en tres centros", polo que "dificilmente" poderíase dotar ao centro novo dos recursos suficientes.
En todo caso, José Ramón Gómez engadiu que a decisión "non está pechada" e mostrouse disposto a "dialogar" co goberno municipal de Poio para buscar unha solución.
Tras os contactos que o Sergas mantivo co Concello para analizar unha serie de parcelas propostas por Poio para a construción do novo centro, a administración galega está "á espera" de que se poidan retomar as conversacións.
"Desde decembro non tiven ningunha petición ao respecto", aclarou o xerente, que avanzou que "as portas están abertas para seguir traballando".