Concello e Universidade de Vigo compartirán instalacións deportivas
Por Alejandro Espiño
Aproveitar todos os espazos deportivos que hai en Pontevedra. Con ese obxectivo, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo asinarán un convenio que permitirá ambos os organismos facer uso das instalacións deportivas do outro.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, sinalou que é a primeira vez que se asina un convenio destas características.
Este compromiso permitirá que, por unha banda, a institución universitaria poida usar o multiusos da Xunqueira ou os campos de herba artificial, mentres que o Concello dispoñerá do pavillón universitario situado á beira do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Fóra do uso normal das instalacións deportivas, o convenio recolle que as tarefas de vixilancia e limpeza serán asumidas polo usuario das mesmas.
O convenio permitirá, ademais, que o Concello poida incorporar este pavillón á oferta de espazos que terán á súa disposición todas aquelas federacións que desexen organizar os seus campionatos autonómicos ou nacionais en Pontevedra.