Un garda civil retirado combina a súa formación en dereito e a súa experiencia en Tráfico nun "novidoso" libro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Adolfo Costas Gascón (Huesca, 1951) foi durante máis de 40 anos garda civil, 27 deles na agrupación de Tráfico e 25 na especialidade de Atestados. Esa experiencia, combinada coa formación en Dereito que adquiriu cursando a carreira pola UNED, desembocaron na súa tese doutoral, que tomou por título Imputación objetiva en los accidentes de tráfico. Una perspectiva práctica, e acaba de converterse nun libro de nome homónimo.
A presentación oficial do libro terá lugar este mércores 21 de marzo ás 19.00 horas na sede do Colexio de Avogados de Pontevedra na rúa Raíña Vitoria e acompañaralle na mesa o ex presidente da Audiencia Provincial, o maxistrado Manuel Almenar.
Imputación objetiva en los accidentes de tráfico. Una perspectiva práctica é froito dun traballo de investigación baseado, entre outras cuestións, na análise de 137 sentenzas ditadas por tribunais de toda España e logo recorridas ante o Tribunal Supremo. Tras estudalas xunto á súa directora de tese, constatou que hai "algunhas circunstancias que moitas veces non son contempladas na casuística dos atestados que instruímos, concretamente, a mala sinalización ou os famosos sobresaltos".
A conclusión é "novidosa", tal e como lle destacou a súa directora de tese e o tribunal que avaliou o traballo universitario. Unha das cuestións que máis lle valoraron, por nova, foi a análise da mala sinalización e os sobresaltos ou 'lombos', como os que se instalaron en Pontevedra.
Adolfo Costas dedica un capítulo completo do libro aos 'lombos' e cuestiona que moitos están mal sinalizados ou iluminados e teñen unha altura inadecuada. Considera que o artigo 385 do Código penal debería incluír este tipo de cuestións, en tanto que "son obstáculos imprevisibles" e ese artigo 385 "prohibe a alteración da seguridade do tráfico mediante a colocación na vía de obstáculos imprevisibles".
"Desde a miña perspectiva xurídica, vexo que é factible", valora. E engade que nalgunhas localidades españolas como Vitoria están a producirse as primeiras denuncias pola "gran desproporción" dalgúns deses ' lombos'. Pontevedra é, na súa opinión, "un caso paradigmático", pois el non pon en cuestión que se instalen e os seus beneficios para a seguridade do tráfico, pero si que "nalgunhas zonas, é desproporcionado". Atribúe a altura deses pasos elevados a que existe un baleiro legal respecto diso. Tan só hai unha normativa do Ministerio de Fomento que non é de obrigado cumprimento para os concellos.
Fronte a quen pode cuestionar estas conclusións e outros dos aspectos recolleitos no libro, argumenta que "pasou o filtro dun tribunal" e que "avalo a experiencia con coñecementos académicos", pois el xa detectara esas deficiencias mentres traballaba e logo verificounas e deulle soporte xurídico a todas as súas reflexións.
Adolfo Costas recoñece que o título do libro pode resultar demasiado técnico, pero quixo respectar o nome da súa tese "para darlle máis veracidade ao traballo". Segundo indica, a teoría da imputación obxectiva ten a súa orixe en Alemaña e introduciuna en España un profesor da Universidade de Alcalá de Henares, pero en España aínda non ten unha aplicación xeneralizada nas sentenzas, senón que "se analizamos as 137 sentenzas, en ningunha delas figura a imputación obxectiva dunha maneira clara".
Este garda retirado sostén, "esta comprobado que é unha teoría que ben aplicada resolve moito os temas de dubidosa causalidade nalgúns accidentes" e explica que no seu libro cuestiona bastante unha investigación inexacta das causas dos accidentes, pois detecta moitos casos nos que "non entran para nada a mala sinalización, en que hai accidentes por distracción por mala sinalización".
A tese que deu lugar a este libro comezouna Adolfo Costas mentres seguía en activo na Garda Civil e terminouna cando xa pasou á reserva, aos 61 anos. Decidiu presentalo no Colexio de Avogados porque é colexiado non ejerciente deste entidade desde a súa licenciatura e convidou formalmente a todos os letrados pontevedreses e aos seus antigos compañeiros gardas da Comandancia.
*Esta entrevista foi realizada inicialmente en español.