Silvia García, reelixida decana de Belas Artes por tres anos máis
Por Redacción
A profesora do Departamento de Pintura Silvia García foi reelixida este martes decana da facultade de Belas Artes de Pontevedra tras recibir o apoio de preto do 79% dos asistentes á Xunta de Facultade.
Silvia García xa ostentaba o cargo desde marzo de 2015, cando relevou á fronte da dirección do centro ao profesor Juan Carlos Meana. A súa foi única candidatura que concorreu a estas eleccións e que completaban os profesores Carlos Tejo e Marcos Dopico e o PAS Maximino Villaverde. A candidatura recibiu 26 votos favorables, seis en contra e unha abstención.
Unha vez coñecido o resultado, Silvia García recoñeceu que esta nova etapa é unha "responsabilidade", na que "aproveitaremos o que levamos aprendido polo camiño para intentar acadar algunha mellora" para o centro.
O equipo de Silvia García completarano Carlos Tejo como vicedecano de Relacións Internacionais, Marcos Dopico como vicedecano de Imaxe e Calidade e Maximino Villaverde como secretario académico. Ademais, a decana prevé completar proximamente ampliar coa incorporación dunha nova persoa responsable da área de Organización Académica, para a que se proporá a un profesor asociado, unha vez entren en vigor os novos estatutos da Universidade de Vigo, que farían posible este nomeamento.
Nos próximos meses, Belas Artes ten que afrontar a elaboración da memoria previa á aprobación e implantación, previsiblemente no curso 2019-2020, do grao en Deseño e Creación. Respecto disto, Silvia García lembrou que "había unha demanda histórica" que viña da antiga licenciatura, na que a especialidade en Deseño e Audiovisuais era a máis demandada, e coa conversión ao grao perdeuse esa especialidade.
A titulación terá "un impacto social moi positivo", xa que en Galicia non existen estudos universitarios no ámbito do deseño gráfico, ao que se suma ademais o factor da empregabilidade, xa que moitos estudantes da facultade acaban traballando neste ámbito.
A reelixida decana alude tamén a outros obxectivos como, no ámbito internacional, abordar a posibilidade de pór en marcha un dobre grao coa Universidad Nacional de las Artes de Bos Aires, así como "analizar cal é o impacto social da facultade a nivel de transferencia" e promover que se estabilicen iniciativas de colaboración como a que se vén desenvolvendo co Hospital Provincial.