Afianzan un noiro na avenida de Montecelo para evitar novos desprendementos
Por Redacción
Pequenos desprendementos de rocha rexistrados nos últimos días, a causa das intensas chuvias, e a constatación por parte dos técnicos municipais da existencia de risco de novas e maiores caídas nun noiro da avenida de Montecelo obrigan ao Concello de Pontevedra a actuar con carácter de urxencia.
Este mércores comezarán as obras precisas para asegurar a parede fragmentada e garantir a seguridade das persoas e vehículos que pasan por esta estrada de acceso á Cidade Infantil Príncipe Felipe e ao Hospital Montecelo.
O tramo afectado polo risco de derrube está situado na subida a Montecelo desde a estrada de Ponte Caldelas. Trátase un vial incluído no ámbito do proxecto da Ronda Este polo que se fará unha actuación de emerxencia axustada.
O tráfico restrinxirase a un carril mentres duren as obras e a circulación controlarase con semáforo
O tráfico restrinxirase a un carril mentres duren as obras e a circulación controlarase con semáforo. A reparación de dano por desprendemento do noiro da avenida de Montecelo incluirá a retirada de material susceptible de caída, a limpeza da beirarrúa e a escavación en desmonte nas partes que poda facerse para retraer o noiro e no resto estabilizarase coa instalación dunha malla.
A Concellería de Obras, que dirixe Demetrio Gómez, informa que os traballos terán un custe de arredor de 72.000 euros e un prazo de execución dun mes.