Ponte Caldelas adhírese ao servizo de xestión do padrón municipal
Por Oskar Viéitez
O Concello de Ponte Caldelas aprobou por unanimidade, en sesión plenaria ordinaria celebrada este xoves, a súa integración no servizo do padrón municipal que comeza a prestar a Deputación Provincial.
A xestión do padrón municipal resultará agora máis sinxela. Os datos serán migrados na aplicación da Deputación, o que posibilitará a integración completa desta base de datos coa sede electrónica do Concello, facilitando todo tipo de trámites on line á veciñanza.
O novo servizo, posto en marcha pola Deputación, inclúe tamén formación do persoal e un soporte para resolver as consultas e incidencias da cidadanía por vía telefónica ou telemática.
O alcalde, Andrés Díaz, destacou a axuda que a Deputación presta aos concellos pequenos "ofertando este tipo de servizos nun marco legal cada vez máis restritivo e burocratizante a causa das continuas reformas administrativas promovidas polo Goberno de España".
Neste eido destacou que as novas leis de Contratos, de Procedemento Administrativo e de Bases de Réxime Local introducen importantes rixideces e atrancos para a xestión municipal. "Un incremento da burocracia que vai en liña contraria ás restricións crecentes para a contratación de persoal ou á utilización do superávit". Neste marco, destacou, "toda a axuda que poida prestar a Deputación é necesaria".
Relacionadas:
-
Pontevedra quere ser a provincia cos concellos tecnoloxicamente máis avanzados
Por Noelia Torres Pintos & Mónica Patxot |
-
A Deputación adxudicará o contrato dun novo servizo de padrón municipal
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación impulsa un novo sistema informático para que os concellos pequenos actualicen o padrón
Por Redacción |