Un veciño de Poio adopta a 'Amor', a cadela máis veterana de CAAN
Por Redacción
O 11 de abril de 2013, tan só un mes despois de que abrise as súas portas o Centro de Protección e Acollida de Animais de Armenteira (CAAN), chegaba una cadela á que os traballadores bautizaron co nome de ’Amor’. Esta semana, a piques de cumprirse o quinto aniversario, acaba de atopar novo fogar.
'Amor' era, polo tanto, a cadela máis veterana en canto a tempo de permanencia no centro, de modo que a despedida foi emotiva. O xefe do servizo veterinario, José Luis Pedreira, destaca que "parecía como se soubese que se ía para sempre porque se despediu de cada un de nós, facéndonos caricias a todos, e despois marchou toda contenta".
A veterana de CAAN foi adoptada esta semana por un veciño de Samieira, en Poio, que xa adoptou no pasado outros dos animais de CAAN.
'Amor' entrou con tan só un ano no centro. Recolleuna unha brigada de conservación de estradas en Meis, no mesmo concello no que se ubica o CAAN, e, segundo indican os traballadores "destacaba por ser unha cadela moi cariñosa". Este trazo do seu carácter foi definitorio para que o adoptante se decidise por ela posto que, no seu novo fogar, a cadela deberá convivir con nenos pequenos e tamén con outros animais.
A esta adopción hai que sumarlle, tamén nos últimos días, a de Antón, o último dos tres cadeliños que foran abandonados nunha clínica veterinaria en Sanxenxo o pasado mes de xaneiro, e que foran alimentados con biberón cada tres horas polos traballadores do CAAN nos seus propios domicilios.
Relacionadas:
-
Libros viaxeiros que fomentan a adopción de animais abandonados
Por Oskar Viéitez |
-
Chini deixa atrás o maltrato e xa ten unha nova familia
Por Redacción |
-
A empresa pública Tragsatec seguirá xestionando a canceira provincial ata 2019
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Sanxenxo intensificará a vixilancia de animais en espazos públicos
Por Oskar Viéitez |