Chega a noite na que "rouban" unha hora ao sono
Por Redacción
Na noite deste sábado ao domingo, ás 02.00 horas haberá que adiantar o reloxo para que marque as 03.00 horas. Como todos os anos, o último domingo de marzo marca a chegada do horario de verán. Este cambio de hora permanecerá ata o último fin de semana de outubro.
O motivo do cambio atópase no aforro enerxético. Unha directiva da Comunidade Europea establece que todos os Estados pertencentes á Unión Europea están obrigados a cambiar o horario para aproveitar mellor a luz do sol durante as tardes.
Segundo a Comisión Europea, a medida favorece tamén ás comunicacións, a seguridade viaria e aos modos de vida, repercutindo mesmo no turismo. O cambio de hora iniciouse nos anos 70 con motivo da primeira crise do petróleo. A idea é consumir menos electricidade na iluminación, segundo o Instituto para a Diversificación e aforro da Enerxía (IDAE).
Precisamente este sábado 24 tamén está convocada a Hora do Planeta, unha iniciativa para concienciar sobre o quecemento global e a necesidade de aforrar enerxía. Será a partir das 20.30 horas e este apagamento simbólico dura unha hora.