O Complexo Hospitalario de Pontevedra traballa na procura dunha vacina máis eficaz contra a tuberculose
Por Redacción
A área de Pontevedra e do Salnés é a que rexistra unha maior incidencia en Galicia de casos de tuberculose, un mal que historicamente afectou ás rexións costeiras da comunidade. Ao longo de 2017 diagnosticábase esta enfermidade a 67 pacientes na Unidade de Tuberculose ( UTB) do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. As estatísticas mostran que nesta zona contabilízanse 30 casos por 100.000 habitantes.
Neste 24 de marzo celébrase o aniversario do descubrimento da etioloxía infecciosa da tuberculose polo científico alemán Robert Koch e conmemórase o Día Mundial da Tuberculose.
A unidade do Complexo Hospitalario dedicada a esta enfermidade desenvolve diversos estudos de investigación de carácter epidemiolóxico, clínico e de diagnóstico, especialmente no ámbito do diagnóstico da infección latente. O proxecto máis destacable enmárcase nunha colaboración coa área de Inmunoloxía da Universidade de Vigo e conta con financiamento da Unión Europea. Este traballo busca unha nova vacina, máis eficaz que a actual e co principal avance de ser por vía mucosa.
O doutor Luís Anibarro García, responsable da área no Complexo Hospitalario, sinala que ao tratarse dunha enfermidade relacionada coa pobreza, non adoita ser de prioridade para os estudos de I+D das multinacionais farmacéuticas. Por este motivo é importante destinar fondos públicos e de fundacións sen ánimo de lucro a estas investigacións.
En 1996 entraba en funcionamento o Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose. Entón a incidencia desta enfermidade infecciosa era superior aos 70 casos por 100.000 habitantes, ao redor de 2.000 casos anuais. O programa logrou reducir esta incidencia de maneira notable situándose sobre os 21 casos.
A Unidade de Pontevedra está integrada por dous facultativos, dous enfermeiros e unha auxiliar de enfermería. conta cun traballador social. A tuberculose é a enfermidade infecciosa que provoca maior mortaldade no mundo, por riba do VIH, o paludismo ou o virus Ébola. En Galicia foron cuantificadas 16 mortes durante o ano 2016 por esta causa.