A aplicación turística deseñada polo IES Johán Carballeira, activa durante a Semana Santa
Por Redacción
A Oficina de Turismo de Bueu activará este xoves a aplicación turística elaborada polo alumnado do IES Johán Carballeira no marco dun proxecto interdisciplinar.
Esta aplicación permanecerá activa ata o Domingo de Pascua co obxectivo de dar a coñecer os recunchos de Bueu a todos os visitantes e aos propios veciños.
Este proxecto, denominado 'Entre Rúas', foi elaborado pola empresa Cleventy cos datos achegados polo alumnado do centro e o profesorado implicado e "naceu da curiosidade polo que significan os nomes das rúas", sinalou a concelleira Silvia Carballo.
A ferramenta recolle dúas rutas, unha biográfica e outra matemática, coas que as persoas deberán ir paseando pola vila para resolver as cuestións expostas e conseguir puntos, nunha especie de busca do tesouro.
Para participar, as persoas interesadas deberán pasar pola Oficina de Turismo, na Sala Amalia Domínguez Búa, en horario de 10.00 a 15.00 e de 17.00 a 20.00 horas.