O prezo do combustible en Galicia é o máis caro da península
Por Redacción
Se vostede ten que encher o depósito do seu vehículo estes días comprobará que o prezo do combustible en Galicia segue sendo o máis caro da península. A Coruña é a provincia máis cara para encher gasolina. Pontevedra é a menos económica para facelo con gasóleo plus. Aínda por riba, os combustibles encarecéronse entre 1 e 3 céntimos por litro na última semana.
A chegada de Semana Santa comeza coa segunda operación saída do ano. Para esta campaña prevíronse case 4 millóns de desprazamentos no interior do país. Como adoita ocorrer nestas datas, os prezos dos combustibles experimentaron unha subida do 1,58% nos primeiros días de Semana Santa.
Segundo a información publicada no portal web de hidrocarburos do Ministerio de Enerxía, en Galicia o prezo da gasolina sen chumbo 95 aumentou desde o venres da semana pasada uns 1,7 céntimos por cada litro, ata situarse nos 1,281 euros o litro. Doutra banda, a gasolina sen chumbo 98 o aumento foi do 2,16%, ou o que é o mesmo de case tres céntimos ata alcanzar os 1,338 euros o litro.
O prezo do gasóleo A abaratouse un 0,90% desde o venres da semana pasada, ata quedar nos 1,126 euros o litro. O prezo do gasóleo A+ subiu máis en comparación coa semana pasada, algo máis de tres céntimos de euro, ata situarse nos 1,406 euros o litro Galicia convértese na comunidade máis cara dentro da Península e a segunda do país, por detrás de Baleares.