Meiro presenta a súa Festa do Millo Corvo
Por Redacción
A festa do Millo Corvo de Bueu cumpre este ano os seus primeiros vinte anos de actividade e pretende xuntar na parroquia de Meiro en Bueu a gastronomía coa tradición cultural e o seu uso culinario. Así coincidiron en subliñalo este martes o deputado de Turismo, Santos Héctor, e o concelleiro e tamén deputado de Cultura de Bueu, Xosé Leal, que presentaron en rolda de prensa esta vixésima edición da festa que se celebra dende o venres día 6 ata o domingo na parroquia de Meiro.
O deputado de Turismo subliñou que a festa é un xeito de "reivindicar a nosa cultura máis tradicional na nosa provincia de Pontevedra coñecendo as artes dos muíños de presa que moe o millo corvo". Santos afirmou que a festa cumpre tamén un xeito de "non perder o nosa historia" coa valorización deste gran de cor negro que, precisamente, "dende a Deputación estamos desenvolvendo a nosa promoción turística falando das historias que reúnense nesta provincia e neste caso o millo corvo é unha delas".
Pola súa banda, o concelleiro de Bueu, Xosé Leal, considerou que esta festa cumpre o papel de recuperar un produto, non só dende o punto de vista gastronómico senón tamén cultural "coa recuperación das nosas tradicións como ven facendo os organizadores da festa o longo de todo o ano con moita actividades para recuperar vellas actividades".
Por último, Leal animou a toda a cidadanía a acudir ao longo de todo este fin de semana ate Meiro e non só desfrutar dos excelentes produtos feitos con este gran senón de todas as actividades culturais e gastronómicas.
Raquel Argibai da Asociación Cultural Meiro detallou as actividades que ao longo da fin de semana desenvolverán en Meiro, como as muiñadas nos Muíños de Canudo, os roteiros medio ambientais, os obradoiros de cociña ou as distintas degustacións de produtos típicos baseados no millo corvo e outros como viños, cervexa ou lácteos.