O goberno provincial ri dun erro de WhatsApp do Partido Popular
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra aprobou no pleno provincial deste venres as bases do Plan DepoRemse, o novo programa de remodelación e mellora da seguridade das estradas municipais dos concellos de menos de 50.000 habitantes.
Durante o debate plenario o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes, solicitou a retirada deste plan que considera unha "cacicada" porque valora criterios como a "madurez" do proxecto que se vai a financiar e cualificaron de "chapuza" a súa tramitación cuestionando as formas coas que actuou o goberno provincial ao modificar en varias ocasións os criterios de adxudicación destas axudas.
"Vostedes xa teñen isto preparado e xa saben a quen llo van a dar" acusou Ángel Moldes.
O portavoz do PP expuxo unha "cuestión de orde" dado que ao seu grupo provincial entregáranlles os últimos informes "hai 15 minutos" polo que solicitou a aclaración por parte do secretario e o interventor da Deputación para saber se ese punto da orde do día cumpre coa legalidade.
A resposta por parte destes altos funcionarios foi clara: "el procedimiento es correcto y no hay inconveniente" dixo o secretario Carlos Cuadrado, "son perfectamente válidas as bases", remachou o interventor Antonio Graña.
O deputado socialista David Regades atribuíu a queixa dos populares ao "momento crítico que están a pasar" coa "descomposición e desmoronamiento do Partido Popular".
Este deputado, responsable do departamento de Cooperación, explicou que a comisión informativa celebrada minutos antes do pleno era innecesaria pero "fíxose por cortesía" porque "queremos que haxa transparencia" e fixéronse correccións menores, "erros na maioría dos casos gramaticais". Regades criticou ao PP por tentar "distraer e confundir", cando "está claro como a auga" polo que reclamou aos deputados da oposición que "sexan responsables da súa actitude".
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, interveu ao finalizar o debate para "aclarar" que o Partido Popular entregou aos seus alcaldes as bases deste plan antes de que fosen aprobadas, foi a través dun grupo de whatsapp no que "se lles coou" o teléfono dun alcalde socialista que informou desta incidencia.
"Eticamente é moi grave", lamentou a presidenta "pensa xa saben quen que todos son da súa mesma condición". A anécdota provocou as risas na bancada do goberno.
Finalmente Carmela Silva engadiu que "o PP xamais entenderá que este goberno ten un modelo de mobilidade, o máis avanzado de toda España e quere que ese modelo inspire a toda a provincia para non ter accidentes" e animou aos alcaldes do Partido Popular a que presenten proxectos a este Plan DepoRemse.
A petición dos populares foi por tanto ignorada e os grupos que conforman o goberno provincial, PSOE e BNG lograron sacar adiante este plan coa maioría que suman os votos dos seus deputados, o PP e o deputado de Son Marea abstivéronse, polo que a Deputación destinará 11 millóns de euros á posta en marcha do plan, dos que 7 millóns achegaranse con cargo a este ano e os outros catro en 2019.
FUNCIONARIOS
Ao comezo do pleno interveu Enrique Araújo, membro do comité de folga dos traballadores da administración de xustiza, explicando as súas reivindicacións laborais e solicitando á corporación que inste á Xunta de Galicia "que sente a negociar".
Tamén interveu o presidente da Asociación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, que explicou as medidas que recolle unha Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do monte autóctono e contra os incendios.
Relacionadas:
-
O PP di que "a polémica do WhatsApp" foi unha "colaboración entre alcaldes"
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial leva a pleno a adxudicación do mantemento da súa rede viaria
Por Redacción |
-
A Deputación xa ten listo o proxecto da nova glorieta da Brea
Por Redacción |
-
11 millóns de euros destinados a mellorar a seguridade viaria na provincia
Por David Arana |