A Deputación aprobará no próximo pleno un protocolo de prevención de acoso laboral e sexual
Por Redacción
O próximo pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobará, a finais deste mes de abril, o novo protocolo de prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo da institución.
O novo protocolo foi aprobado por unanimidade na última reunión da comisión paritaria do Plan de Igualdade e vai ser difundido entre todo o persoal da Deputación de Pontevedra a través da intranet, dos taboleiros de anuncios e de trípticos.
Con este protocolo, a Deputación de Pontevedra traballará na concienciación do persoal ao servizo da administración co fin de formar en aras da detección desta clase de conductas, do aumento da sensibilidade ante esta problemática e da promoción da tolerancia cero contra conductas ofensivas e/ou degradantes dentro da entidade.
A institución provincial considera necesario previr conductas de acoso no traballo, imposibilitando a súa aparición e erradicando todo comportamento que poida considerarse constitutivo do mesmo no ámbito laboral. Con este protocolo, establece como medidas preventivas a sensibilización do seu persoal, a divulgación dos principios de intolerancia ante estas conductas, a difusión do protocolo e a formación do seu persoal.
O documento tamén marca un procedemento de resolución no caso de ter que actuar ante unha situación de acoso.
Este protocolo dá cumprimento aos principios inspiradores da normativa europea e nacional, en materia de procedemento de prevención e solución deste tipo de conflitos, e á Lei Orgánica para a Igualdade efectiva entre homes e mulleres.