A portuguesa Festa das Cruzes de Barcelos chega a Pontevedra
Por Redacción
Unha comitiva da localidade portuguesa de Barcelos deixouse notar durante a mañá deste sábado 14 de abril nas rúas do centro de Pontevedra.
Desde ben cedo, ao redor das 10:30 horas, comezaron a promocionar pola Boa Vila a Festa das Cruzes 2018, empezando o seu percorrido como non podía ser doutra maneira na praza que leva o seu nome.
Despois pasaron pola Peregrina e tamén acudiron á Casa da Luz.
A Festa das Cruzes, segundo os representantes de Barcelos, é a "primeira gran romaría do Miño, unha das maiores festas relixiosas de Portugal que une á perfección o popular, o tradicional e o relixioso".
Celebrarase nesta ocasión do 25 de abril ao 6 de maio, sendo o punto cume da festa a Grandiosa Procissão da Invenção da Santa Cruz, o 3 de maio, festivo municipal, reunindo as 89 cruces representativas de cada unha das parroquias do municipio.
Fogos artificiais, alfombras de flores, folclore, bandas de música popular, artesanía ou gastronomía compoñen o programa dos festexos, dos que deixaron unha pequena mostra en Pontevedra un grupo folclórico con varias actuacións no centro da cidade, o Grupo de Danças e Cantares de Barcelos.