O Bosque de Colón volve ás súas orixes
Por Redacción & Diego Torrado
A deste sábado foi unha xornada especial en Poio, coa visita 25 anos despois do impulsor do Bosque de Colón, o profesor estadounidense John Harmon McElroy.
Este profesor propuxo no seu día ao Congreso de Estados Unidos o agasallo de 500 exemplares de secuoias californianas a Poio fomentando o nexo de Cristóbal Colón entre Galicia e América.
Agora esas árbores creceron substancialmente e con boa saúde na falda do Castrove, e McElroy púidoo comprobar cos seus propios ollos acompañado de varios membros da súa familia e tamén dalgún dos estudantes que aquel ano 1992 viaxaron ata Poio para escenificar a unión entre ambos os países.
Aquelas 500 árbores simbolizaban o 500 aniversario do descubrimento de América, unha terra que a través de Colón quedou ligada desde entón á ría de Pontevedra. Así o entendeu por entón o profesor marabillado coa teoría que sitúa en Poio as orixes do explorador.
A delegación estadounidense estivo acompañada por representantes dos diferentes partidos da corporación municipal.