Investigan un pai e o seu fillo por realizar prácticas de condución na Seca
Por Redacción
Un pai e o seu fillo, veciños de Poio, deberán responder por un presunto delito contra a seguridade viaria despois de ser sorprendidos este domingo pola Policía Local realizando prácticas de condución na zona da Seca.
Tras ser advertidos polos axentes, o pai manifestou estar a realizar prácticas de conducir co seu fillo, o cal carecía de carné e preparábase precisamente para presentarse ao exame práctico necesario para obtelo.
Por iso a patrulla da Policía Local, ao tratarse dunha infracción do código de circulación, tramitou as dilixencias pertinentes ao xulgado de garda de Pontevedra, imputando ao fillo un presunto delito contra a seguridade viaria por conducir un vehículo a motor sen contar co permiso necesario e ao pai en concepto de colaborador necesario.
ALCOHOLEMIA NA AVENIDA PEIRAO BESADA
A Policía Local tamén instruíu dilixencias por outro presunto delito contra a seguridade viaria durante a fin de semana sobre outro condutor, veciño de Poio, que ocasionou o sábado un accidente na Avenida Peirao Besada e negouse a facilitar os seus datos ao coche co que impactou.
O prexudicado requiriu a presenza dos axentes, que someteron a ambos ás probas de alcoholemia dando o causante do accidente positivo.