"Ou Luís Rei demostra con probas as alcoholemias ou, como mínimo, que pida desculpas públicas"
Por Alejandro Espiño
Tanto PP como PSdeG-PSOE coinciden. Ou Luís Rei demostra "con probas" que, tal e como dixo no pleno municipal, membros da corporación deron positivo por alcoholemia e a Policía Local encubriuno, ou "como mínimo" debe pedir desculpas públicas.
Ese é o ultimato que ambos fan ao voceiro de Marea Pontevedra. No caso contrario, levarán o asunto ante a comisión de Réxime Interior para que ofreza as explicacións oportunas, ao entender que a súa acusación afecta á honra de toda a corporación.
Os populares lamentan o "mutismo absoluto" por parte de Marea. "Non pode ser que un portavoz dun grupo político verta acusacións desta envergadura e despois se agoche", aseguran. Luís Rei, engaden, "debe dar a cara" ante un feito que cualifican como "moi grave".
"Encubrir un delito está penado", reitera o voceiro do PP, Jacobo Moreira, que considera necesario que este caso "se aclare canto antes". Se non é así, instan a Rei a que pida perdón aos membros da corporación como á propia Policía Local "á que de xeito implícito tamén involucrou" coas súas acusacións.
Para o líder socialista, Agustín Fernández, este tipo de insinuacións son "inaceptables", xa que "sembra a dúbida" sobre todos os concelleiros da corporación. A este respecto, asegura que no seu partido "non estamos dispostos a que se xogue coa nosa honorabilidade".
"Non se pode vir ao pleno a poñer o ventilador e tratar de enmerdar. Se o concelleiro en cuestión ten datos, que os poña enriba da mesa e se foi unha rabieta por algo, que pida desculpas", destacou Fernández, que advirte que os socialistas non consentirán "que se levanten sospeitas sobre as nosas actuacións".
A acusación feita é o "suficientemente grave", engadiu o socialista, "para que non se deixe pasar", xa que reitera que "ou alguén mentiu ou alguén cometeu un presunto delito".
Ao PSdeG-PSOE tamén lles sorprende a "nula reacción" por parte do goberno municipal e tamén dos mandos da Policía Local e incluso dos sindicatos, xa que as a declaracións de Luís Rei están a cuestionar a actuación da Policía Local e "parece estraño que ninguén dende o corpo saíra a desmentir as afirmacións".