Un veciño de Poio falece mentres conduce e o seu coche acaba contra un muro
Por Redacción
Un veciño de Poio de 62 anos faleceu este sábado mentres conducía o seu vehículo na zona de Pereiro de Arriba, no seu propio municipio, e o seu coche acabou encaixado contra un muro dunha casa.
Fontes da investigación confirmaron que o home faleceu por morte natural e, a continuación, o seu vehículo saíuse da vía pola que conducía.
Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia, os feitos ocorreron na rúa Pereiro de Arriba sobre as 13.20 horas.
Un particular alertou ao 112 explicando que a persoa que viaxaba no turismo accidentado podería sufrir unha indisposición ao volante e acabou chocando co vehículo contra o valado dunha vivenda.
Con estes datos, o persoal do 112 Galicia alertou ao 061- Urxencias Sanitarias, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos Bombeiros de Pontevedra.
Unha vez no lugar onde sucederon os feitos, os efectivos sanitarios e a Garda Civil constataron que a persoa que manexaba o turismo estaba morta.