Vilagarcía seguirá controlando a asistencia aos plenos "por unha simple razón de seguridade e porque así o esixe a Lei"
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía seguirá controlando o aforo do salón de plenos "por unha simple razón de seguridade e porque así o esixe a Lei". Deste xeito, unha vez que supere o aforo previsto non se poderá admitir a entrada de máis espectadores da sesión plenaria, de ser o caso. Para facer ese control non será necesario identificar a ninguén, nin polo tanto pedirlle o seu carné de identidade, agás que se producira algún incidente.
Así asegúrao o goberno local nun comunicado de prensa no que reitera que o feito de que a policía local esixira o DNI para acceder á casa consistorial "non respondeu a unha orde expresa do alcalde nin do concelleiro de Seguridade Cidadá nin de ningún outro concelleiro do goberno". Cumprían un protocolo establecido, aseguran, para cando alguén, incluídos concelleiros e traballadores municipais, acoden á casa consistorial fóra do horario habitual.
"En consecuencia, nin houbo nin hai nin haberá intención algunha de saber o nome e apelidos nin a filiación de quen asiste ás sesións plenarias, o que non é incompatible con que se adopten as necesarias medidas de seguridade que hai que ter en conta en calquera recinto público", afirman, recordando que esta medida se adoptou hai uns meses polos roubos que se produciron na casa do Concello.
En calquera caso, "o que puido ser un exceso de celo no cumprimento do seu deber por parte da policía local", apuntan desde o goberno, "derivou nunha algarada que, unha vez máis, capitaneou o portavoz de Esquerda Unida, ao que seguiron, tamén unha vez máis, os outros grupos da oposición". E insiste en que en canto á lista elaborada, será arquivada pola Policía Local, "igual que arquiva a lista de quen se achega á casa consistorial fóra da xornada habitual, ou o nome dos veciños que chaman para advertir dun accidente ou denunciar calquera acto".
A OPOSICION CRITICAN A ACTITUDE DITATORIAL DO GOBERNO
Pero a oposición mantén as súas críticas. O PSdeG-PSOE asegura que no Pleno vivíronse escenas "de auténtica vergoña allea", segundo a súa voceira, Tania García. Asegura que resultou "bochornoso" ver aos membros da Policía Local, "que teñen moito traballo por facer moito máis produtivo", controlando o acceso ao Pleno "coma se fora unha festa con invitados á que só poden acceder algunas persoas e outras non".
Para Tanía García, a asistencia veciñal a estas sesións "non pode ser motivo de intimidación pedindo nomes e controlando accesos arbitrariamente". Para a voceira socialista "o control previo con identificación é unha medida desproporcionada" e entende que dá a sensación "de que se lle quere facer saber aos veciños que se alguén quere ir dicir algo ao Pleno, o Goberno Local vai saber quen é".
Para o BNG o acontecido non ten precedentes en toda historia da democracia e supón "unha clara mostra da actitude ditatorial" do goberno municipal. Asegura que o alcalde "volve de novo a coartar e a reducir a liberdade de todas e todos os vilagarciáns facendo gala dunha constante actitude prepotente, impositiva, demagóxica e insultante" e critica a listaxe de asistentes "que non sabemos que efectos terá".
De aí que a voceira municipal do BNG, María Villaronga, esixa a Tomás Fole "unha explicación razoable ante tamaño desprezo pola democracia", xa que cre que "para tapar a súa incapacidade para gobernar aportando solucións aos numerosos problemas que está a padecer a cidadanía, o concello opta por criminalizar e reprimir os cidadáns que pretenden manifestar o seu descontento ou reclamar os seus dereitos de xeito pacífico".
Os nacionalistas esixen ao alcalde de Vilagarcía que "se non sabe, non quere ou non pode, dimita" ao entender que "está totalmente superado". Conclúe o BNG que os cidadáns de Vilagarcía "teñen dereito a ter un alcalde que os represente, que os escoite e os defenda e non coma vostede que o único que fai e buscar maneiras de sangrar ós veciños, de non escoitalos, gobernando de costas e contra a cidadanía con prepotencia, demagoxia e xordeira".