Melloras en camiños e un muro de Troáns
Por Redacción
Durante estes días de finais de abril están a finalizar os traballos de dúas actuacións nos lugares de Sobrada e Sequelo, na parroquia de Troáns no municipio de Cuntis.
En Sobrada acometeuse unha reposición dun muro de contención de pedra que substitúe ao anterior de bloques prefabricados de formigón. Esta estrutura atopábase en malas condicións de conservación e en perigo de derrube.
O muro soporta parte dun viario municipal e existía risco de rotura e afundimento deste camiño, con perigo tanto para os vehículos que circulan pola zona como para os peóns. O proxecto contempla a construción dunhas escaleiras para facilitar o paso de peóns por esta contorna.
En Sequelo levouse a cabo a mellora de camiños con aplicación dunha nova capa de rodaxe. Con esta intervención, o goberno municipal quere mellorar a seguridade tanto para os vehículos como para os veciños que circulan por esta zona.
O alcalde Manuel Campos visitaba estes lugares para comprobar o estado en que se atopan as obras. O orzamento base de licitación para estes dous proxectos era de 28.000 euros.