A CIG quenta motores na rúa de cara a unha folga xeral o 19 de xuño
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A central sindical CIG saíu á rúa este martes, como cada primeiro de maio, para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira e facer visibles as súas reivindicacións para mellorar as condicións laborais da clase traballadora, pero este ano, ademais, como antesala da que será a súa gran mobilización do ano: a folga xeral. O sindicato aproveitou a mobilización na rúa para anunciar a data desa convocatoria: o 19 de xuño.
En Pontevedra, afiliados e simpatizantes partiron da praza da Ferrería para percorrer as principais rúas do casco histórico ata rematar na praza do Teucro, pero non era a única convocatoria na zona, senón que en total en toda Galicia houbo doce mobilizacións, tres na área de Pontevedra.
O secretario comarcal do sindicato, Marcos Conde, destacou que a CIG leva xa tempo traballando de cara a esta folga xeral e defende a necesidade da súa convocatoria como "a máxima expresión de mobilización que ten a clase traballadora, coa responsabilidade que iso conleva".
Convocouse, segundo explicou Conde, "unha vez que sabemos que non nos queda outro recurso". É o único camiño que atopa o sindicato porque "estamos mirando que a situación cada vez vai a peor, dun día para outro, a situación empeora".
"Xa basta de que nos mintan. No Parlamento hai mayoría suficiente para anular, modificar ou derogar a lexislación que está sendo perniciosa para a clase traballadora", demandou Marcos Conde, rodeado por centos de afiliados e simpatizantes desde o punto de partido da manifestación. Polo camiño, fóronse sumando varios centos máis.
Segundo indicou o secretario comarcal do sindicato en Pontevedra, na súa central están "convencidos de que o único camiño é ese", o da folga, e só facendo forza e saíndo á rúa "lograremos o obxectivo, que é mellorar as condicións da clase traballadora".
A CIG convocou manifestacións este martes baixo o lema 'Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas' e co obxectivo de denunciar que, fronte á "propaganda diaria" sobre o crecemento e a recuperación da economía, na realidade "estamos diante dunha gran mentira porque todos os indicadores públicos evidencian un empobrecemento xeneralizado".
Para este sindicato, a folga xeral de xuño é "a resposta necesaria ante o que estamos a vivir" e deféndea como "o instrumento que temos para lle demostrar ao poder político e ao poder económico a nosa disposición de resistencia, pero tamén de loita pola recuperación dos nosos dereitos, a mellor maneira de responder aos abusos dunha patronal que se ve con todo a favor con este goberno e con estas leis".
Relacionadas:
-
A CIG suspende a folga xeral e dá un voto de confianza a Pedro Sánchez
Por Redacción |
-
A CIG reivindica un sistema de pensións público e digno
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG alerta a mocidade do perigo que corren as súas pensións
Por Miguel Álvarez Fandiño & Anxo Lourido |
-
A CIG denuncia os recortes en prestacións asistenciais e por desemprego ante as oficinas do paro
Por Miguel Álvarez Fandiño & Anxo Lourido |
-
UGT e CC.OO. reivindican neste primeiro de maio: "É tempo de gañar dereitos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A CIG propón que o Primeiro de Maio sexa unha antesala dunha folga xeral
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Un berro alto e claro en defensa das pensións
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
A asemblea de delegados de CIG reflexiona sobre a "necesidade" de convocar unha folga xeral
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |