Cortan a AP-9 en Caldas por un incendio nun camión avariado
Por Natalia Puga
Un incendio nun camión provocou este venres retencións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Caldas de Reis e mesmo obrigou a cortar o tráfico en sentido A Coruña-Tui durante ao redor de media hora.
Todo ocorreu sobre as 13.45 horas deste venres. Un camión avariuse na AP-9 e foi necesario chamar un camión-guindastre para o seu traslado. Unha vez que chegou e cargou o vehículo avariado, por causas que aínda se descoñecen, este empezou a arder.
Segundo tivo constancia a Garda Civil de Tráfico, o incendio iniciouse cando o camión xa estaba sobre o guindastre e, a consecuencia do lume, desprendeuse e acabou na calzada.
Nese momento había unha ambulancia parada na beiravía e o camión en chamas acabou impactando contra ela. A ambulancia non ardeu e sufriu pequenos danos.
A pesar do cúmulo de incidentes encadeados, non houbo que lamentar danos persoais. Si houbo danos materiais e complicacións circulatorias.
Nun primeiro momento, a Garda Civil de Tráfico cortou a AP-9 en sentido Tui e desviou a circulación desde a peaxe de Caldas. A partir das 14.15 horas, quedou aberto, pero Tráfico seguiu regulando a circulación dando paso aos vehículos por un só carril.